Menu Xerais

Novidade: «O Reino medieval de Galicia», de Xosé Miguel Andrade e Anselmo López Carreira. Un libro que da conta do agocho e a desmemoria do vello Reino medieval de Galicia

O Reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria, de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira, é unha novidade da colección Contamos a nosa historia de Xerais.

Presentado como preocupación dalgúns historiadores galegos, ou como cuestion escura e marxinal propia de especialistas, o certo é que o vello Reino medieval de Galicia tivo unha entidade histórica real entre o século V e os comezos do século XIII. Chegou a estenderse dende o Atlántico até as terras da actual Cantabria e dende o Cantábrico até as beiras do río Douro. Así o recoñecen boa parte das fontes históricas europeas e musulmás.

Pola contra, nas hispanas ‘asturianas, leonesas e castelás’ a súa existencia foi deturpada e agochada. Un agocho asumido máis tarde pola maioría dos historiadores dos séculos XIX e XX, que empregaron esas fontes cristiás para dar vida a un relato histórico de corte esencialista que xustificase e lexitimase o nacemento e desenvolvemento do Estado español contemporáneo.

Nese relato, o Reino medieval de Galicia quer non existía, quer se supeditaba, como unha mera anécdota, á pretendida historia de España.

Do porqué dese agocho e desa desmemoria dan conta os autores deste libro

Comentarios pechados