Menu Xerais

Novidade: «Tecermos redes, crearmos comunidade», de Ánxela Lema e Andrea Nunes. Un monográfico que quere reflectir a riqueza literaria da escritora María Reimóndez

Tecermos redes, crearmos comunidade, de Ánxela Lema e Andrea Nunes, é unha novidade da colección Manuais de Xerais.

“Tecermos redes, crearmos comunidade. Estudos sobre a obra de María Reimóndez” é un monográfico que contén un conxunto de estudos cuxa vontade é a de reflectir a riqueza literaria dunha das maiores escritoras con que conta hoxe en día o sistema literario galego.

Neste sentido, considerouse interesante traballar no tempo da autora debido a que as súas temáticas tocan de preto e implícanse fortemente coa(s) nosa(s) realidade(s) e co xeito que temos de habitar o mundo, de nomealo e de relacionarnos con el.

É por este motivo polo que achegamos unha parte didáctica orientada aos equipos docentes galegos que queiran traballar dunha maneira lúdica e alternativa algunhas das súas obras; como tamén unha outra de carácter máis formal e científico e un texto literario que relé a obra máis sonada da autora.

Deste xeito, deixamos constancia do necesario fío condutor que existe entre literatura e docencia, ao tempo que constatamos a utilidade política e transformadora da palabra de Reimóndez.

O presente volume, en resumo, non é un monográfico ao uso, porque queriamos facer deste libro o trasunto do mundo que Reimóndez nos agasalla nos seus libros: un mundo plural, diverso e feminista.

Comentarios pechados