Menu Xerais

Novos modelos nas relacións de xénero: «Masculino singular», de Carlos Negro. Crítica de Miro Villar en Grial

O escritor Miro Villar reproduciu no seu blog  unha recensión crítica que publicou na revista Grial sobre o libro de poemas Masculino singular, de Carlos Negro.

 

 

Recensión a Masculino singular, de Carlos Negro, en Grial 210

Nese mesmo último número, 210 (abril, maio, xuño do 2016) de Grial, Revista Galega de Cultura, e na mesma sección intitulada «O espello das letras» aínda asino unha outra recensión intitulada «Unha refutación do machismo e a súa linguaxe dominante» para saudar o libro de poemas Masculino singular, de Carlos Negro. Velaquí a devandita recensión ao completo:

 

Unha refutación do machismo e a súa linguaxe dominante

Masculino singular defínese na lapela da contracapa como «unha refutación do macho alfa que destrúe os afectos e converte o terror en linguaxe dominante» e velaí un resumo ben acaído dos principios éticos que anobelan o fío da última obra poética de Carlos Negro, que seguen unha liña bosquexada con anterioridade en Penúltimas tendencias (Premio da AELG á mellor obra de literatura infantil e xuvenil de 2014), aínda que arestora trazada con outra lingua poética máis propia da reflexión adulta, o que non invalida outras lecturas posibles.

Nove partes diferentes para un obxectivo común que consiste en revelar unha anovada construción de xénero onde o principio fundamental é a procura dun novo rol para a masculinidade e dunha nova ética que teña sempre en consideración as achegas prácticas e teóricas do feminismo.

Despois de dous paratextos definitorios: a dedicatoria “A Ramón, meu tío, / o primeiro home / a quen vin fregar a louza / coa bata de cadros das avoas” e o espléndido verso de María do Cebreiro “Crucei a única porta que non vía”, abre o libro o longo poema «Código de barras» que ispe a voz poética nunha serie de definicións do que non é e do que se quere ser ou intentar ser, que remata coa que lle dá o título á obra: “O que se cadra SON / un morfema de xénero singular e masculino”.

Na segunda parte «Técnicas de afeitado» tres textos autopoéticos que se escriben na propia (auto)contemplación nos espellos desde a indagación na personalidade creada pola educación recibida e polo contexto sociocultural vivido, para avisar da crueza do espido: “arriscamos a pel / e algo máis / algo que non está na superficie / nin na epiderme / do poema”.

Na terceira un outro único e longo poema «Just for men», construído por interrogacións retóricas que o deixan de ser para procurar respostas a un amplo cuestionario que sirva de autodefinición dunha masculinidade (mal) construída desde parámetros de dominio.

Os cinco poemas de «Pinturas rupestres» e os tres de «Normalización lingüística» botan mal da poesía visual, na liña da poética experimental e reivindicativa de Lois Gil Magariños e da Corporación Semiótica Galega ou de Joan Brossa, que visualizan a obscenidade e a procacidade da linguaxe masculina da publicidade e da prensa con intención de a cuestionar e subverter. Os obxectos poéticos, caligramáticos ás veces, abalan entre a simboloxía fálica, as pintadas nos aseos ou os anuncios luminosos do neon dos negocios do mercado sexual que se critican con acidez desde a ironía e o sarcasmo ou desde a parodia, ao xeito dos antigos epigramas latinos.

Media ducia de poemas configuran «Fráxil & Femíneo & Delicado», con versos que dialogan coa obra de poéticas do feminino como Rosalía de Castro ou Ana Romaní, mais tamén para rebater a autores canónicos como Méndez Ferrín no breve poema «Sen pólvora e cun ramo de magnolias»: “Algúns reclaman a liberdade pró meu pobo. / Eu, en troques, esixo a tenrura pró meu sexo”.

«Puntos de fuga» constitúe a cerna do libro con trece textos, nos que continúa o diálogo intertextual, implícito ou explícito con Lupe Gómez, María Xosé Queizán ou Xohana Torres e non só estas tres, para unha elaboración que insiste no cuestionamento de estereotipos e de roles, e que acadan o seu cumio nos poemas «Toy Story I» e «Toy Story II», ou que se achegan a sexualidades adoito marxinadas como sucede na lembranza da historia real das dúas lesbianas coruñesas que casaron facendo uso do engano en «Marcela & Elisa (A Coruña, 1901)» ou na historia de ficción con alusións ao homoerotismo en «Batman & Robin. Diario íntimo».

Pechan esta sétima parte dous poemas en prosa: «Corrente subterránea» sobre o xurdimento dunha nova delicadeza cívica, paternal e masculina nos pais que recollen crianzas en escolas infantís da periferia urbana e «As outras» sobre as duras condicións de vida das mulleres inmigrantes, que lembra o canto das operarias de Tortillas para os obreiros (1996) de Fran Alonso.

Os catro poemas de «Materia estelar» abordan a cuestión da paternidade desde unha dupla óptica, de ollar unha crianza que nace ao mundo e de aprender da educación recibida da propia nai, trasunto de moitas outras nais nosas, aquelas que devoraban unha cabeza de peixe para lles deixaren a mellor carne aos seus fillos.

E por último o poema «Saída de emerxencia» que procura, agora si, tratar de dar resposta a outra serie de interrogacións retóricas, velaquí a primeira delas: “E que pretendía? / Só mover un milímetro os marcos do poema”.

E ese movemento de marcos procúrase cunha linguaxe descarnada e ás veces descarada, cuxo único risco é a previsible fugacidade, como adoita suceder con case toda poética de intervención. Aínda que neste caso os dominios do masculino non semellan ser tan efémeros como para que os versos de Carlos Negro pasen axiña a facer parte da (pre)historia e así o demostra a malfadada rotundidade dos estudos e dos inquéritos que alertan sobre a pervivencia da violencia machista entre a mocidade.

Malia certo abuso de lugares comúns a día de hoxe, Masculino singular achega o seu grao de area para a asunción de novos modelos nas relacións de xénero. Abofé que si.

Miro Villar


Comentarios pechados