Menu Xerais

O acoso a través de internet: «O corazón de Xúpiter», de Ledicia Costas, unha boa novela. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica de O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas.

 

Unha boa novela e non só para adolescentes

Eu son dos que coido que unha novela para ser boa, á parte de que presente un bo dominio da técnica de narrar e mais da lingua, ten que entreter e ademais concienciar o lector sobre problemas da nosa sociedade. Malia o que din algúns da autonomía da literatura, de que estas opinións cheiran a realismo rancio ou a socialrealismo, o certo é que todos os clásicos da narrativa universal cumpren con estes requisitos. Estou farto de ler novelas ou relatos seica formalmente extraordinarios, segundo o gusto dalgúns críticos da torre de almafí, pero que aburren soberanamente o lector e que non lle achegan absolutamente nada sobre o mundo en que vivimos. Por iso, eu gocei lendo esta novela de Ledicia Costas, que non é só un relato para rapaces, senón que toca dous temas hoxe por desgraza moi presente na nosa sociedade, como é o do acoso, especialmente ás mulleres, ben sexa no ámbito escolar, ben no ciberespazo.

A novela trata desde o meu punto de vista moi ben o tema do acoso escolar nun instituto de Ensino Secundario. Gustoume así mesmo a forma libre de complexos e fóra do politicamente correcto con que aparece representada a vida dos adolescentes que estudan nos nosos institutos. As novas relacións familiares, as festas que celebran estes rapaces e rapazas, as súas relacións amorosas aparecen reflectidas sen ningún tipo de mexericadas. Coido que este será un obstáculo para que a novela se aconselle nos centros privados, pois estes adoitan ser moi estritos neses lemas de recatolizar e evitar referencias ao sexo e moito máis á homosexualidade, como se pode ver pola recente polémica levantada pola programación da materia de Educación para a cidadanía.

Na mesma liña aparece desenvolvido o tema do ciberacoso ou ciberengano.

En canto ao argumento, a novelista sabe manter ata o desenlace a atención do lector, que non conta para nada co remate que vai ter. Os personaxes, adolescentes e adultos, están perfectamente deseñados, así como o medio en que se desenvolven. Dá así mesmo no albo cando analiza a dinámica que leva á creación de grupos entre os adolescentes e mesmo ao establecemento de lazos de amizade.

Acerta a autora cando nos presenta o rexistro lingüístico propio dos mozos e mozas que frecuentan as aulas dos nosos institutos. Por desgraza é un rexistro moi similar ao do castelán cos seus molar, alucinante, canuto, controlar, flipar, doer un montón… Cómpre meditar sobre feito da castelanización do rexistro dos máis novos. A autora neste caso non fai máis que reproducir a forma de falar dos adolescentes. A castelanización devandita é proba da tremenda presión que está a exercer o castelán sobre o galego e que resulta moi difícil de contrarrestar.

Xa que logo, estamos ante unha novela ben escrita e que, aínda que destinada a un público xuvenil, pode moi ben ser lida por un lector de máis idade pois pono en contacto cun problema como o do acoso, ben directo, ben a través de internet, que está moi de actualidade. O desenlace ademais fai entrar en escena o mundo dos adultos, onde posiblemente hai bastante máis violencia e psicopatías ca no dos adolescentes, só que os maiores son máis astutos e agochan mellor os seus verdadeiros propósitos. En fin, que nada é o que parece…

En canto á lingua, como xa dixemos, acerta en xeral a autora, especialmente ao reproducir rexistros como o dos adolescentes. Aparece algún castelanismo léxico como taquilla (páx. 132) por armario, que simplemente citamos para espallar a norma académica. Error de máis calado é o emprego de como comparativo diante do pronome persoal no canto de coma: … tanto como a ela (páx. 45). É unha incorrección morfolóxica o plural xirasois (páx. 62). Observamos tamén confusións no uso de te/che que así mesmo resultan rechamantes: … que se cabree e te colla aínda máis manía (páx. 64) /… mándache a ti de recadeira… (páx. 106).

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados