Menu Xerais

O amor nunha fermosa lenda oriental: «As palabras do silencio», de Ánxela Gracián. Crítica de Paula Fernández

Paula Fernández publicou nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre As palabras do silencio, de Ánxela Gracián.

 

Simbólica emotividade

Romántica, chinesa recreación

Neste relato simbólico e emotivo, Ánxela Gracián, na miña opinión maxistralmente, achega a Galicia, tinguíndoa de algo noso, unha lenda tradicional chinesa cargada do exotismo que adoita caracterizar as historias orientais.

A lenda recrea nunha narración misteriosa e romántica o encontro de dous namorados, o Home das Vacas e a Princesa Tecedora, un ser mortal e outro máxico, que por causa do destino ven rota a súa felicidade, son separados e só conseguirán volver atoparse grazas á axuda das rulas que construirán unha ponte para que os dous se poidan amar.

Unha recreación fantástica da lenda chinesa ultracoñecida como Qixi, o xeito en que a cultura chinesa explica a súa noite de san Valentín, na que a autora emprega de xeito notable os nomes dos protagonistas e de moitos conceptos fundamentais nos que semella facer unha chiscadela cara aos pictogramas e ideogramas da escrita chinesa. O Home das Vacas ou o pastor namorado da princesa que tece tapices que cobren todo o malo que ten o mundo, ou a Vía de Leite e a Ponte dos que aman, para denominar a Vía Láctea e a ponte que une os amantes. E no medio de todo ese orientalismo as rulas, a unión co universo galego, o lazo que nos achega un relato universal, traspasable a todas as culturas e atraente tamén para os lectores de todas elas.

Paula Fernández

Deixa un comentario!