Menu Xerais

O calendario de Alberto Martí para 2016. Anotación de Ramón Nicolás

O crítico Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o Calendario Xerais 2016.

 

 

O calendario de Alberto Martí para 2016

Hai por volta dun ano aludía neste mesmo sitio á publicación do Calendario para o 2015 posto en circulación por Xerais e vertebrado arredor de diversas fotografías de José Súarez vinculadas con mariñeiros e situadas con acerto a carón do diálogo de diversas voces da literatura galega de onte e mais de hoxe.

Nesta ocasión, para o 2016, Xerais presenta outro fermoso calendario que inclúe trece fotografías da denominada colección “Emigración” de Alberto Martí, fotógrafo coruñés, aínda en activo superados os noventa anos. Neste calendario escolmáronse algunhas instantáneas que Martí tirou nos peiraos da Coruña e de Vigo, estas últimas no retorno do Santa María logo de ser secuestrado polo DRIL. A selección correu a cargo de José Caruncho, autor asemade dun suxestivo prólogo.

Convido a coñecer a forza conmovedora das máis destas fotografías centradas nas olladas, nos rostros, nos acenos e no que non se ve pero se sospeita, tamén nas esgazaduras e nas esperanzas: testemuño silente e mais elocuente da emigración alén mar, por unha parte, e mais do retorno dun barco secuestrado que se converteu nunha acción internacional de protesta contra as ditaduras de Franco e Salazar. Lembro, por certo,  que sobre unha destas fotos o xornalista Rodri García realizou unha reportaxe extraordinaria.

Sen dúbida un proxecto suxestivo e moi recomendable. Parabéns a Celia Torres, responsable da edición e a Ramón Domínguez, responsable do deseño.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!