Menu Xerais

“O castañeiro de abril” de Antonio Fraga, premio Merlín 2013

O xurado da 28ª edición do premio Merlín de literatura infantil acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Sochantre de Pontivy», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Antonio Manuel Fraga Allegue e corresponde ao título O castañeiro de abril.

Antonio Manuel Fraga Allegue (Pontedeume, 1976), estudou Enxeñaría Técnica Industrial en Ferrol. En 2006 mudouse para o barrio de Monte Alto da Coruña, cidade na que traballou na refinería de petróleo. Viviu despois en Alcañiz (Teruel) e no inverno de 2010 trasladouse a Romanía, onde participou na construción dun parque eólico. Tras o seu regreso da emigración, comezou a escribir. O castañeiro de abril é a súa primeira obra.

No seu ditame o xurado da 28ª edición do Premio Merlín de literatura infantil considera que O castañeiro de abril cumpre as tres condicións case máxicas que un lector ou lectora pode pode agardar dunha novela: lela dunha volta, atraída polo interese da súa trama; estar magnificamente escritas; e ser inesquecibles porque os seus personaxes quedan aboiando no seu maxín, querendo vivir alí por moito tempo. «O castañeiro de abril cumpre as tres. Porque conta unha fermosa e dura historia, porque bebe dunha tradición popular que se renova e se trae para o presente, e porque constrúe un galego traballado co cicel dos mellores canteiros e cunha forma de escrita persoal, que estamos certos que ha constituír unha das marcas recoñecíbeis do seu autor».

«Todos estes elementos habitan a historia, converténdoa nun vizoso souto. Mais de todos os castiñeiros lanzais que nela atopamos, sobresaen dous: o seu protagonista, Baltasar, un neno privado do sentido da vista, mais con outros sentidos, se cadra máis importantes para a vida, tremendamente desenvoltos: a empatía, a preocupación polos demais e o sentido de poder coñecer as persoas a través dos sentimentos. Un personaxe dos que non se esquecen, porque é dos que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar».

«O outro castiñeiro milenario é a voz dun narrador acedo, irónico e algo trasno, inda que cun punto tenro. Nunha sociedade abafada polas invencións dos medios de comunicación, polo escurantismo dos comités de sabios, pola especulación urbanística, a mellor arma con que contamos é a peculiaridade da nosa propia voz, da nosa propia consciencia crítica, que unidos a outras tantas voces, farán fronte a iso que chaman a uniformidade de pensamento. E esta voz de narrador, partindo dun discurso politicamente incorrecto e tremendamente atractivo, vennos lembrar que pensando, enfrontándonos criticamente á realidade, seguimos estando no certo».

«O castañeiro de abril e unha historia que nos recorda que a literatura infantil, a mellor literatura infantil, é un texto literario destinado lectoras e lectores de 0 a 99 anos, unha enorme universo escrito que nos lembra que cómpre loitar co establecido: co establecido polos poderes públicos, polos medios de comunicación e mesmo polos adultos que algunha vez esqueceron que a compaña dun animal, un xoguete construído polas nosas propias mans, o sorriso da moza que nos gusta son máis importantes que as persoas que falan, pero non achegan nada, que o diñeiro que merca ese xoguete pero que non pode converternos nos seus artesáns e que os amores perfectos de cinema, mais que nunca serán os nosos».

Rematou o seu ditame o xurado da 28ª edición do Premio Merlín saleintando que para todas as nenas, os mozos, e os adultos e adultas que seguimos a crer que pode haber castañas en abril e que  lle damos valor a ese verme, mais nunca creriamos que vai caer a lúa, está escrita esta obra, que conxuga a influencia dos clásicos da LIX galegos e universais, cun finísimo tratamento da diversidade, cun cuestionamento dos valores tal e como e os coñecemos coa sempre necesaria pegada poética. Agora só nos queda agardar que un día de xuño, aquí en San Simón, volvamos reunirnos e agromen os ourizos, as castañas e, sobre todo, os soños».

Tras coñecer a noticia do premio, Antonio Fraga confesou que cando vivía en Romanía, onde traballaba na construción dun parque eólico «as temperaturas baixo cero e a saudade batéronme forte e trouxéronme de volta á terra, onde a situación económica estragou novas posibilidades laborais; porén, a crise regaloume un tesouro chamado tempo, e comecei a escribir».

Antonio Fraga presentou o inicio argumental da súa novela, protagonizada por Baltasar, un neno cego que malvive no barrio máis gris da cidade baixo o cruel xugo das súas tías, as xemelgas Carabullo: «“Eu son quen son, e nin eu mesmo coñezo o meu nome; mais nalgures, hai moito tempo, alguén se referiu a min como o castañeiro de cbril.” Así se presenta un estraño vendedor a Baltasar, cuxa vida dará un xiro de cento oitenta graos cando coñece ao Castañeiro e devagar se verá envolto nunha avalancha de acontecementos que trastornan a vida do barrio».

Para Antonio Fraga «non é esta unha historia condescendente cos seus personaxes, nin edulcora as duras circunstancias que a estes lles toca vivir. Pola contra, tenta subliñar a dignidade coa que os máis débiles afrontan ás veces as situacións máis difíciles, así como a pouca importancia que moitos de nós, principalmente as persoas adultas, lle damos ás cousas miúdas».

Comentarios pechados