Menu Xerais

O Concello de Lugo convoca a XXIII edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que publicará Xerais

O Concello de Lugo convoca a XXIII edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que publicará Xerais. O prazo de presentacións de orixinais remata o xoves, 31 de decembro de 2020. (Imaxe: Portada do libro Veleno de tinta impresa, de Xosé A. Neira Cruz, gañador do Premio Ánxel Fole de Narración Curta, 2019.

 

 

BASES DA XXIII EDICIÓN DO CERTAME DE NARRACIÓN CURTA

“ÁNXEL FOLE” – 2021

 

A Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo convoca a XXIII Edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que se rexerá polas seguintes

BASES

1ª. Poderá concorrer calquera autor ou autora, de calquera nacionalidade, que presente unha obra escrita en lingua galega conforme á normativa oficial, establecida pola Real Academia Galega. As obras presentadas deben ser orixinais e inéditas, entendendo por obra inédita a que non foi comunicada nin na súa totalidade nin en parte por ningún tipo de procedemento.

2ª. As obras presentadas poderán consistir tanto nunha novela curta como nun conxunto de relatos, en calquera caso cunha extensión total mínima de 50 folios estándar e máxima de 100, equivalentes respectivamente a 90.000 e 180.000 carácteres con espazos. Cada autor ou autora poderá presentar cantas obras quixer, en envíos separados.

3ª. Establécese un único premio de catro mil (4.000) euros, que estará suxeito ás retencións legalmente establecidas. Enténdese que o importe do premio inclúe e compensa os dereitos económicos polos primeiros mil exemplares vendidos da obra premiada, ós cales os autores e autoras renuncian polo feito de presentárense a este certame e obteren o premio.

4ª. A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, S. A. Esta editorial asinará co autor ou autora un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual, e tendo en conta a exención prevista na base anterior. O autor ou autora recibirá gratuitamente trinta exemplares da primeira edición, e o Concello de Lugo cen (100).

5ª. Os orixinais presentaranse por correo electrónico no enderezo cultura@lugo.gal indicando XXIII CERTAME ÁNXEL FOLE. Ese correo-e conterá dous documentos:
A.- O texto que se presenta a concurso, baixo LEMA ou pseudónimo, sen ningún dato que identifique a autoría.
B.- Outro a modo de plica no que constará o lema ou pseudónimo e o título da obra, e no corpo do documento o nome completo (e o nome literario ou pseudónimo de publicación no seu caso), o enderezo e o teléfono da autora ou autor, o correo electrónico e unha fotocopia do DNI ou pasaporte.
6ª. O prazo de presentación pecharase o xoves 31 de decembro do 2020.
7ª. O xurado deliberante estará formado por tres persoas competentes na materia, designadas pola Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, unha delas a proposta de Edicións Xerais de Galicia. Con voz e sen voto, formarán tamén parte do xurado a Concelleira de Cultura e unha funcionaria ou funcionario que ela designe e que actuará como
secretaria ou secretario.
8ª. O xurado reunirase para discernir o premio –que non poderá ser dividido, pero si declarado deserto– antes do 31 de marzo do 2021. As súas decisións serán inapelables.
9ª. Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dunha obra e o ditame do xurado esa obra obtiver outro premio, a autora ou autor débello comunicar inmediatamente ao Concello de Lugo, retirándoa do Certame Ánxel Fole. En calquera caso, enténdese que a obtención dun premio anterior implica a renuncia automática ao premio Ánxel Fole que lle puidera ser
atribuído a esa obra por descoñecemento desta circunstancia, sen prexuízo doutras responsabilidades nas que a autora ou autor puidera incorrer pola omisión do deber formulado nesta base.
10ª. A organización resérvase o dereito de exclusión das obras nos seguintes casos:
– Cando se incumpran un ou varios puntos destas bases.
– Cando a participación se faga empregando datos falsos ou haxa indicios de que o son, se a persoa non verifica os seus datos no prazo outorgado.
– Cando os textos presentados atenten contra a dignidade ou integridade das persoas.
11ª. A participación no certame supón e implica a aceptación total das súas bases.

 

Comentarios pechados