Menu Xerais

O Concello de Pontevedra e Xerais convocan o I Premio Literario Pinto e Maragota, para visibilizar e dignificar a diversidade sexual. Noticia no xornal «Diario de Pontevedra»

O xornal Diario de Pontevedra publicou unha noticia na que da conta da convocatoria da primeira edición do Premio Literario Pinto e Maragota, que promoven o Concello de Pontevedra e Xerais. (FOTO: David Freire – Diario de Pontevedra). As bases do certame poden lerse ou descargarse en formato pdf. nesta ligazón.

 

O Concello de Pontevedra e Xerais convocan un premio literario para “visibilizar e dignificar” a diversidade sexual

“Poderá ser novela, teatro ou poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto”, sinalou Paloma Castro

O Concello de Pontevedra en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, fixo públicas as bases da primeira edición do Premio Literario Pinto e Maragota, que nace co obxectivo de “visibilizar e dignificar” a diversidade sexual e de xénero. Contará cun único galardón cunha dotación económica de 3.000 euros.

O certame foi presentado este xoves no Concello de Pontevedra pola concelleira de Igualdade, Pomba Castro, e polo director da editorial, Fran Alonso, que explicou que no certame poderán concorrer persoas de calquera nacionalidade, “que presenten unha obra escrita en lingua galega conforme á normativa oficial, establecida pola Real Academia Galega”.

As bases establecen que as obras presentadas deben ser orixinais e inéditas, tendo presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero: orientación sexual e/ou identidade de xénero. “Poderá ser novela, teatro ou poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto”, sinalou Paloma Castro.

Segundo destacou Fran Alonso, “a obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, que asinará coa autora ou autor un contrato de edición nas condicións habituais”, é dicir, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual. O prazo de presentación pecharase o xoves 23 de abril de 2020.

O director de Xerais, asegurou que no seu editorial atópanse “encantados” de participar na convocatoria do primeiro premio literario que existe en Galicia sobre diversidade sexual, e tamén por aumentar as publicacións sobre esta realidade.

Ademais, considera que a literatura ten unha “capacidade enorme” para contribuír á inclusión social, polo que este premio contribuirá, dixo, a que a sociedade teña unha visión “máis aberta e plural” sobre a diversidade sexual e de xénero.

Deixa un comentario!