Menu Xerais

O deputado Tabuyo mergúllase na novela negra co comisario Romero

Jaureguizar publicou en El Progreso unha información sobre a novela novela  Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo.

O deputado Tabuyo mergúllase na novela negra co comisario Romero

Domingo Tabuyo sabe que a carne sueca é explosiva. «Un día informeime de que había unhas latas etiquetadas como un produto cárnico de Suecia e, en realidade, contiñan explosivos», comenta para situar a idea lonxana que foi conformando ata que acabase sendo ‘Svea kött (carne sueca)’, a novela negra que vén de publicar en Xerais.

A trama comeza coa aparición dun home indocumentado morto ao pé dunha libraría especializada en Oriente Medio e continúa co descubrimento dun segundo cadáver en Cambados. O comisario Sindo Romero -«que continuará investigando noutras novelas»- deberá ligar ambos os crimes.

Cando era novo, as inquedanzas literarias de Domingo Tabuyo avanzaron canda as sociais e, aínda que el asegura que «a escrita foi antes cá política», este profesor de Historia no ensino medio representa ao PSOE como deputado na Carrera de San Jerónimo por segunda oportunidade desta volta. De feito, publicou a súa primeira obra en 1993 e a actividade pública chegou despois, a base de participar en movementos e asociacións en Cambados.

Tanto a historia como a literatura ou política son actividades que escolleu, algo que non acontece coa Mariña, «na que estiven un tempo porque reenganchei despois das milicias ata que quitei as oposicións».

A experiencia no mar valeulle «unicamente para algúns comentarios na novela». Utilizou moitas máis expresións «dunha parente de Sanxenxo, que emigrou a Estocolmo». Sobre esa muller, apunta o autor que «sempre conservou as raíces galegas, pero, cando regresaba por vacacións, falaba nunha mestura de sueco e galego, que nos fixo aprender moitas palabras nesa lingua».

Este pontevedrés mantén as súas querencias e, cando decidiu escribir unha novela negra, atendeu ao seu gusto pola novela nórdica, por «tratar de cuestións que lle importan á xente». Suecia, a narrativa e os conflitos dos colectivos humanos conflúen deste xeito en ‘Svea kött’.

O protagonista que creou para afrontar esas carencias da sociedade é «un home de 50 anos que ten as súas raíces que non son dunha cidade, senón dunha vila, e que ten valores tradicionais», como poden ser o esforzo no traballo e a raigame nun sitio.

Por iso, compatibiliza «a vida laboral en Madrid coa súa patria real, que está no Salnés e que é Cambados». Tabuyo aprésase a deixar claro que, malia as coindencias que existen co seu xeito de vida -«paso a semana en Madrid, pero vivo en Cambados»-, «non é unha novela autobiográfica».

Esa fonda base ética serviralle a Sindo Romero para chantarse diante dunha «parte do aparello do Estado que actúa autonomamente» para atallar un problema de terrorismo. «Iso si que o compartimos», acepta o escritor, que comenta a acción de Estados Unidos contra Bin Laden, «coma unha mostra da dobre moralidade que trata de xustificar que a fin xustifica os medios, e non debe ser así en ningún caso».

O alcalde de Lugo, José López Orozco, máis ca un cuestionamento dos gobernantes, percibe «unha crítica aos valores morais da nosa sociedade».

Para o editor, Manuel Bragado, o interesante é propor eses asuntos «no contexto dunha novela negra».

Jaureguizar

Comentarios pechados