Menu Xerais

“O Globo de Shakespeare”, Premio Terra de Melide 2008

Anunciouse onte a obra gañadora do VIIIº Premio de Narrativa Terra de Melide: O Globo de Shakespeare de Santiago Jaureguízar. O xurado do certame, formado por Xesus Manuel Marcos, Xaquín Vázquez, Anton Pedreira, Óscar Sánchez e Manuel Bragado, entre as vinte e unha obras participantes, apostou por esta obra que propón unha viaxe tras o primeiro manuscrito de Hamlet que, supostamente, estaría agochado nun pazo de Ribadeo. O Globo de Shakespeare, alén dunha homenaxe ao teatro shakespereano (como o que mellor reflite as paixóns humanas), supón, tras unha trama de intriga, unha reflexión sobre o espectáculo, do escape das vidas, da soidade e dunha sociedade onde non hai posibilidades para o amor. O monifateiro Ricardo e o seu pai, o pintor Leandro, tras a tola e valleinclanesca procura do manuscrito agochado, emprenderán unha viaxe que, irremediablemente, rematará cuna apoteósico final tráxico. A novela será publicada en Xerais Narrativa no mes de outubro. Jaureguizar recibirá este serán en Melide o premio (6.000 euros), tras a merecidísima homenaxe que a AELG tributará a Xosé Vázquez Pintor, un dos nosos máis grandes escritores.

Comentarios pechados