Menu Xerais

«O home do traxe branco», primeira entrega

Unha das novidades máis curiosas da tempada é a estrea literaria de Herikberto M. Quesada, o artista, deseñador e escritor ourensán residente en Madrid. Con «O accidente», Quesada inicia a publicación da saga, O home do traxe branco, unha serie de novelas de ficción que tardou vinte anos en compoñer. Para ela realizou máis de cincocentas ilustracións e deseños de seres vivos, ao mesmo tempo que desenvolveu «a teoría dos deseños coincidentes», que explica cómo seres vivos e ecosistemas poden evolucionar noutros planetas, de formas moi similares aos da Terra. O home do traxe branco. O accidente chegará ás librarías a vindeira semana.

Nun caloroso día de verán prodúcese un grande incendio nun bosque de Galicia. Pola noite, uns rapaces descobren unha gran nave. Dela xorden varios buzos escoltando unha estraña criatura anfibia que dá a luz a súa cría. Cando parece que todo finalizou, da nave descende un misterioso home con traxe branco, acompañado dun estraño animal. Quen é ese home? Só este grupo de rapaces descubrirá de onde vén e cales son as súas intencións. O océano Atlántico, praias, noites de lúa, campos amarelos, verdes fragas, insectos, polbos, peixes, solpores, ríos, alieníxenas, veraneantes, terribles monstros, iropis e homes de negro. Esta é a historia dun neno que vive nun planeta aínda verde e azul.

ÇO accidente» é a primeira entrega dunha saga de ficcións, O home do traxe branco, creada polo artista ourensán Herikberto M. Quesada, baseada na teoría dos deseños coincidentes, que explica cómo seres vivos e ecosistemas poden evolucionar noutros planetas, de formas moi similares aos da Terra.

Comentarios pechados