Menu Xerais

O libro «Aníbal Otero», de Xesús Alonso Montero recolle a biografía, tronzada polo fascismo, do piar da filoloxía moderna

O xornal Galicia Hoxe publica unha noticia sobre a publicación de Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, que reproducimos:

Aníbal Otero, piar da filoloxía moderna tronzada polo fascismo

Xesús Alonso Montero presenta con Anxo Lorenzo en Madrid o libro no que reivinidca o filólogo, coautor do Atlas Lingüístico da Península Ibérica

“Aníbal Otero estaba chamado a ser un dos alicerces da moderna filoloxía galega”, afirmou onte o director xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que participou no relatorio que ofreceu Xesús Alonso Montero en Madrid sobre este lingüista ó que o fascismo lle tronzou a vida. Aníbal Otero foi, tal como explica Alonso Montero no libro no que reivindica a súa figura, “secuestrado pola Policía portuguesa” e entregado ós golpistas españois, que o encarceraron durante cinco anos, ata 1941.

Lorenzo subliñou onte que a filoloxía galega tivo que agardar ata os anos sesenta pola modernidade, cando se configurou unha xeración de filólogos baixo o maxisterio “do profesor Constantino García e de Ricardo Carvalho Calero”.

O escritor Xesús Alonso Monterofixo percorre a traxectoria vital e profesional deste filólogo en Aníbal Otero: Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo. Otero, alumno predilecto do fonetista Tomás Navarro, foi un dos máis activos colaboradores do Atlas Lingüístico da Península Ibérica (ALPI) con só 24 anos e estaba chamado a ser un dos máis grandes referentes da filoloxía de Galicia.

Entre 1934 e 1935, investigou 53 puntos do mapa sociolingüístico de Galicia, converténdose así no “lingüista máis versado no galego vivo” naquel tempo, explica Alonso Montero no seu libro. Tras saír do cárcere, fixo enquisas en Portugal co profesor Cintra e publicou traballos lexicográficos, pero xa nada volveu ser o mesmo. De feito, nin era quen de escribir o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega cando o propuxeron como membro numerario, nos anos 60.

A experiencia do 36 e a enfermidade dun fillo magoárano, xa, demasiado. Alonso Montero debulla no libro os detalles da causa contra Otero, baseándose nas 207 páxinas da mesma -parte das cales reproduce no texto-, do Expediente do arquivo Baluarte, Ferrol.

A causa da súa detención non foi outra que a ignorancia da Policía. Tal como lles conta Montero, ós axentes pareceulles sospeitoso aquel home que “escribía nuns curiosos cadernos nunha linguaxe críptica, circunstancia pola que pensaron que se trataba dun “comunista”, dun “espía” ó servizo do Goberno do Frente Popular”. O Atlas Lingüístico da Península Ibérica no que Otero traballou é unha obra fundamental na historia da filoloxía.

Comentarios pechados