Menu Xerais

«O libro galego, fillo da autonomía»

A.Losada publica en «Nós», suplemento de Xornal de Galicia unha reportaxe sobre o alborexar da edición profesional en Galicia, coincidindo coa efeméride da constitución de Edicións Xerais de Galicia. Recóllense as opinións de varios editores e inclúense algunhas fotografías documentais  pertencentes ao arquivo histórico da nosa editorial. Un texto que moi interesante que contribúe a mellor coñecer a historia da edición en Galicia.

En 1977 publicáronse sesenta libros en galego, grazas ao traballo de sete editoriais, segundo explica Henrique Alvarellos, herdeiro do fundador de Alvarellos Editora, que naceu ese mesmo ano. Eran os tempos nos que a morte de Franco era aínda unha lembranza fresca, e nos que unha certa relaxación –que non desaparición– da censura permitiu que a edición de libros en linguas distintas do castelán “se convertese nun negocio de mercado, e non de resistencia, como era ata o momento”, afirma Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia.

Alimentadas polo Estatuto de 1981, e pola Lei de Normalización Lingüística de 1983, que lle abriu o sistema educativo ao galego, comezaron a agromar. Algunhas desas editoriais faleceron nos anos que van dende aquela Transición ata hoxe. Outras seguen, como a propia Galaxia, Alvarellos, Sotelo Blanco, Ediciós do Castro, A Nosa Terra ou Edicións Xerais de Galicia, que esta semana celebrou os seus 30 anos, “mantendo sempre unha conversa co seu tempo”, segundo di Manuel Bragado, o actual director.

O fundador de Xerais foi Xulián Maure, que traballaba ata 1979 en Anaya, onde se encargaba da colección Lúa Nova de libros de lectura escolar. “Vin como o País Vasco e Cataluña estaban a apostar forte por introducir libros nas súas linguas dentro do sistema educativo, mentres en Galicia había pouco movemento nesa dirección –lembra Maure– Chamei a Ramón Piñeiro para propoñerlle unha liña de libros para a escola dentro de Galaxia, pero díxome que non había cartos. Así que fun falar con Germán Sánchez Ruipérez, director de Anaya, e foi el quen puxo os cartos para o que foi Edicións Xerais de Galicia”. Maure recoñece que “o labor de Galaxia tivo un gran mérito, pero naqueles anos tiñan unha visión algo reducida, só sacaban poesía, narrativa e algo de ensaio”. O nome, Xerais, indicaba xa que a intención era abarcar todos os campos e os públicos posibles.

Isaac Díaz Pardo, responsable hoxe como entón de Ediciós do Castro –fundada en 1963–, explica que eles sempre mantiveron un espírito afastado do comercial “editando libros que o merecían aínda que non gañasen cartos”, libros coidados e de autor, unha postura da que se afastarían as editoriais que están a nacer naqueles anos.

Enrique Acuña, responsable d’A Nosa Terra Edicións –fundada en 1987, pero herdeira da centenaria tradición do semanario A Nosa Terra– fala daqueles anos nos que o Estatuto intentaba superar a aldraxe como duns “tempos autodidactas, nos que se apostaba polos contidos xeralistas para cubrir as moitas materias pendentes que tiña o libro en galego”, no eido educativo, científico, no libro de peto, infantil, ou nas guías de viaxe, enciclopedias e dicionarios.

“Os libros de finais dos 70 eran libros populares, para espallar unha cultura que se estaba a reconstruír”, di Alvarellos, que lembra como seu pai publicou a Historia de Galicia de Benito Vicetto, sete tomos a 500 pesetas cada un, ao igual que Xerais puxo no mercado os doce volumes de Galicia Enteira, de Xosé Laredo.

Olegario Sotelo Blanco, fundador da editorial do mesmo nome en 1980, explica que “había grandes autores, pero poucas posibilidades”. En Galicia, de feito, había poucas imprentas e encadernadores dispoñibles, polo que Sotelo ao comezo “mandaba os libros a facerse en Portugal, mentres outros os mandaban a Cataluña”.

Xulián Maure lembra tamén como a súa casa foi a única oficina de Xerais durante os primeiros anos de traballo, e como Agustín Fernández Paz, hoxe Premio Nacional de Literatura, lle daba os últimos retoques aos seus libros no medio e medio da cociña. Ou como Manolo Rivas, hoxe un autor consagrado, lle mandou o seu primeiro manuscrito escrito nun galego non normativo: “Pedínlle que o refixera, porque non tiña sentido ensinarlle aos nenos unhas normas na escola e logo rompelas nos libros. Publicamos corrixido o que logo foi Todo ben”, a primeira novela do coruñés, publicada en 1985.

Todas as fontes consultadas coinciden en que as editoriais foron uns efectivos axentes da normalización da lingua, polo menos “tanto como a aparición da CTRVG no 1984”, di Víctor Freixanes. Dende finais dos 70 prepararon un terreo ao que se foron sumando nos 80 nomes como Edicións do Cumio, Ir Indo ou a propia A Nosa Terra Edicións, nun labor que aínda hoxe segue en Kalandraka, Faktoría K, OQO Editora, Rinoceronte, Urco ou Estaleiro. Manuel Bragado cita unha frase de Suso de Toro, que considera a máis acertada das descricións: “O sector do libro en galego foi un dos froitos gozosos dos consensos que se forxaron a comezos da autonomía”.

Unha das asignaturas que se aprobou con mellor nota foi a entrada no sistema educativo. Un dos primeiros libros que publicou Xerais foi un manual de matemáticas en galego, xermolo doutros moitos que virían despois, ata que hoxe “hai libros de texto en galego que non teñen que envexarlle aos que hai en inglés e francés”, di Enrique Acuña.

XUVENIL E EDUCATIVO

Foron os anos da transición cando comezou tamén a aposta pola literatura infantil e xuvenil, necesaria para forxar novos lectores. “É o campo no que hoxe as letras galegas son máis respectadas internacionalmente”, na opinión de Xulián Maure. Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey comezaron a publicar neses anos, nos que as traducións da colección Xabarín (Xerais), ou nos libros de autores galegos das series Árbore (Galaxia) e Merlín (Xerais) lles deron unha plataforma.

Esa forza dos libros educativos e xuvenís aínda se mantén hoxe como columna vertebral do sector do libro, unha situación que Manuel Bragado considera “normal, xa que se reproduce en moitos outros sistemas editoriais, o español entre eles”, pero que Maure ve coma unha eiva no camiño á madurez, e engade: “Pero, de mirar cara o futuro, o que me preocupa é non chegar tarde ao mundo dixital, ao que temo que as editoriais e os partidos lle están a dar ás costas”.

Olegario Sotelo Branco, pola súa banda, pensa que os grandes esquecidos no avance do sector do libro foron os libreiros, xa que hoxe en día “é un sector pouco profesionalizado, a pesar da súa importancia fundamental”.

Aínda que se describa, malintencionadamente, coma unha industria subsidiada e pouco rendible, o certo é que o sector editorial galego produce anualmente 38 millóns de euros e xera centos de postos de traballo. “As axudas públicas só cobren un 4 ou 5% dos nosos gastos”, di Bragado. Son cifras que non están mal para un mercado de menos de tres millóns de galego falantes. Díaz Pardo considera que achegarse á lingua portuguesa é a mellor solución, “xa que incorporaría 200.000 millóns de lectores”, pero lamenta que a Real Academia Galega non siga esa liña. En 2008, máis de 40 editoriais publicaron uns 1.850 libros en galego, cinco por día, segundo destacan tanto Freixanes como Bragado. Neste vieiro, moitos pasos xa se teñen andado, e moitos quedan. A. Losada

Comentarios pechados