Menu Xerais

O libro que Xesús Alonso Montero escribiu sobre Anibal Otero, o filólogo «secuestrado» en Portugal, no Xornal de Galicia

O Xornal de Galicia publicou esta pasada fin de semana unha información asinada por A. M. sobre o libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e non franquismo de Xesús Alonso Montero. Reproducímola a continuación:

Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, do académico e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Xesús Alonso Montero, é a biografía de Aníbal Otero Álvarez (1911-1974), filólogo que, en 1936, era, aos 25 anos, o lingüista máis versado no galego vivo e o de formación cientificamente máis moderna como fonetista, dialectólogo e lexicógrafo. Tamén era un excelente e apaixonado coñecedor do romanceiro da tradición oral.

Como fonetista foi, ademais dun pioneiro. Pero o verán do 36 tronzou a súa vida profesional cando o 5 de agosto, en Valença, foi detido ilegalmente pola policía portuguesa, que o entregou, abouxado e inerme, ás autoridades militares de Tui, que sen lexitimidade política asumiron unha detención ilegal. Unha especie de secuestro.

Días antes, Aníbal Otero entrevistaba os camponeses do norte de Portugal como colaborador do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, el que, meses antes, investigara os cincuenta e tres puntos do mapa idiomático de Galicia. Logo vén o calvario dun infame proceso xudicial, a solicitude de pena de morte por parte do fiscal, unha longa condena e cinco anos de prisión en cinco cadeas distintas.

Cando, nos anos cincuenta, Aníbal Otero volve á actividade lingüística, faino con dificultades, con limitación de medios científicos e con moi poucos azos.

Aníbal Otero está dentro das coordenadas da lingüística española nos anos da Guerra Civil e nos primeiros tempos da inmediata posguerra, esquema no que tamén se moven os seus dous grandes mestres: Ramón Menéndez Pidal –nunha especie de exilio interior– e Tomás Navarro Tomás –no exilio exterior, ergueito sempre na belixerante dignidade de quen proclamaba que non “amnistiaba a Franco”–.

A.M.

Comentarios pechados