Menu Xerais

«O máis estraño», os contos reunidos de Manuel Rivas, xa nas librerías

O máis estraño, os contos reunidos de Manuel Rivas, que é unha das novidades do mes de outubro, xa está nas librerías.

Dise no coro de Antígona que hai moitas cousas estrañas no universo, pero que o máis estraño é o ser humano. A boca da literatura naceu para expresar iso que é o máis estraño. Manuel Rivas reúne todos os seus relatos nesta obra, que é tamén unha psicoxeografía, unha zona de rescate da memoria fronte á amnesia, onde o desexo loita contra a morte e a imaxinación levanta o voo. Así, emerxe un mundo que parecería estar á espreita da súa invención. En O máis estraño aparecen relatos xa célebres como «A barra de pan» ou «A lingua das bolboretas», contos extraordinarios por descubrir como «A chegada de Ingrid», e inéditos sorprendentes como «A sombra do soño». Os medos, as paixóns, a emigración, a guerra, os naufraxios, a relixión, a culpa, a depredación da natureza, a arte e a vida, o humor insurxente, o poder e as súas máscaras, a incomunicación, as fronteiras, a resistencia das voces baixas, o andar vagabundo do ser e as palabras á procura dunha segunda existencia… O máis estraño pescuda no enigma humano, cunha linguaxe incandescente e indócil.


Comentarios pechados