Menu Xerais

«O meu gato é un poeta», de Fran Alonso: a maxia da poesía e da música, en Trafegando Ronseis

Trafegando Ronseis publica unha recensión sobre O meu gato é un poeta, de Fran Alonso, e o seu xeito de achegar a poesía ao público infantil. Reproducímola integramente:

Se eu fose o gato de Fran Alonso tamén sería poeta. Se eu fose calquera becho achegado a Fran Alonso sería poeta. Porque ten unha variña máxica capaz de converter a palabra en poesía, máis se esta está dirixida aos nenos e nenas máis pequen@s. Non podía ser doutro xeito: o seu sorriso transmite amor pola palabra e pola infancia en todo momento.
O gato de Fran Alonso sabe de palabras tristes e de palabras ledas, sabe de palabras doces e de palabras tenras, sabe de humor e sabe que, en querendo, as palabras son como os globos: estiran e estiras e ata poden estoupar. Pero o gato de Fran Alonso non quere que suceda iso: quere que os máis pequenos se acheguen á poesía sen temor, porque ser poeta e ler poesía non é nada difícil: palabra de gato!
Así que se vedes por aí un gato poeta non deixedes de acariñalo: a este gústalle a música, a poesía, os nenos, os libros… e gustaralle que o arroles para ficar canda ti.
E se tedes a sorte de atopar o gato e a Fran con el, observádeo, sorride e gozade: poderedes sentir o vento acompasado, o fino bruír da choiva nos cristais e ser pequeno por uns instantes marabillosos. Porque Fran Alonso e Xurxo Souto convertirán a poesía en espectáculo. E non hai que velo para crelo… ou si?

Comentarios pechados