Menu Xerais

«O misterioso Dr. Saa», un galego universal. Crítica de Estro Montaña sobre o libro de Xosé Díaz e Belén Fernández

Estro Montaña publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre O misterioso Dr. Saa, libro subtitulado A historia do Conde de Waldemar, ilusionista, prestidixitador e telépata, de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán.

 

Biografando o mago

Senlleiro e universal

Nas letras peninsulares non somos moi dados ás biografías. E menos ás dun mago. Por iso O misterioso Dr. Saa, libro de doada lectura, resulta unha anomalía satisfactoria.

O Dr.Saa (1885–1984) naceu en Portomarín nunha familia labrega vida a menos, e pasou a súa infancia coma un personaxe dun conto popular, facéndose cargo dos traballos máis duros, por culpa dun padrastro pouco amigable. Manueliño –como era coñecido daquela na súa aldea– xa de pequeno manifestara o seu afán de coñecer mundo. Na adolescencia cambia as ovellas e mais as terras que noutrora protexeran os pais de San Rosendo e os cabaleiros de San Xoán polas néboas de Lugo. Traballa de camareiro, e logo parte para Madrid e París, capital na que se inicia no ilusionismo. Nos anos da Belle Epoque os medios de comunicación dedicaban grande atención á maxia, e no mundo artístico tiñan unha enorme influencia as ensinanzas do reloxeiro Robert–Houdin,os tres Herrmann ou Harry Kellar, entre outros.

O Dr.Saa é autodidacto; en París aprendeu o oficio, asistindo á representacións de magos,intercambiando coñecementos. Certo que nunca asistiu a ningunha escola de maxia por moito que se presentara coma “Profesor de Ciencias Físicas pola Escola Máxica de París” e membro da “Academia de Hipnotizadores de Francia”; pero o Dr. Saa tiña aínda máis facilidade que Blanco Amor para adaptar o currículo ás necesidades do momento. De aí que tamén se presentara como Conde deWaldemar e como “Mago de reis e rei de magos”, despois de engaiolar coas súas actuacións aos Borbóns e a varios presidentes en América. Unha fotografía súa a carón do emperador Hiro Hito salvoulle a vida cando estaba en Filipinas, casado cunha dama acaudalada, en plena II GuerraMundial. Europa e América rendéronse ao seu talento.

Burgueses, aristócratas ou xente do común admiraron a súa facilidade para converter un papel calquera nun billete. Actuou asemade en Vigo, Ourense, Lugo… e foi profeta entre nós.

Como bo galego, aquel home que cortaba e unía cordas a pracer, morreu na terra nativa. Sen dúbida, os seus paisanos estarían de acordo co proverbio mexicano: “Todos estamos feitos do mesmo barro, pero non do mesmo molde.” Manueliño ao cabo era senlleiro e universal.

Estro Montaña

Comentarios pechados