Menu Xerais

«”O pintor do sombreiro de malvas”: Unha homenaxe á pintura»

O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro, achégase ás derradeiras horas do xenial Vincent Van Gogh

Marcos Calveiro iniciou a súa andaina na LIX galega en 2006, ano en que deu a lume Sari soñador de mares, novela para a mocidade á que axiña lle seguiría Rinocerontes e quimeras (2007). Malia a súa incorporación á LIX en datas recentes, Calveiro entrou neste sistema literario con moi bo pé, como mostra a positiva valoración destas obras pola crítica, a súa rápida tradución a outras linguas da contorna (caso, por exemplo, do castelán e do catalán) ou a obtención de galardóns de recoñecido prestixio pola súa produción posterior, tales como o premio Ala Delta ou The White Ravens por O carteiro de Bagdad (2007); o Barco de Vapor por O canto dos peixes (2008) ou, máis recentemente, o Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009 por O pintor do sombreiro de malvas (Edicións Xerais de Galicia, 2010).

Nesta última obra o vigués achégase aos derradeiros meses en Auvers da vida do pintor Vincent, personaxe que se identifica co recoñecido Vincent Willem Van Gogh (Países Baixos, 1853-Francia,1890), artista do que ao longo do relato se ofrecen datos biográficos e da súa produción pictórica, á que xa se alude dende a cuberta do libro na que está presente un dos seus cadros máis considerados.

A través dun narrador en primeira persoa, testemuña dos feitos, o lectorado agardado descobre a un tempo a plenitude vital deste narrador, un adolescente de dezaseis anos, e a perda das ganas de vivir que levarán á morte do “pintor do sombreiro de malvas” (nome co que nalgún momento da narración se identifica o personaxe de Vincent pola súa vestimenta).

A chegada deste último a Auvers supón para o narrador a descuberta dunha nova visión da vida. Ao longo de trinta e seis capítulos numerados, o mozo protagonista dá conta dos trazos do temperamento do pintor (facundia, angustia existencial, irritabilidade, etc.), así como da súa propia personalidade, que se vai conformando grazas á relación co artista e cos demais membros da colectividade da pequena vila do sur de Francia que, en moitas ocasións, atafegan a súa liberdade.

É no momento da morte de Vincent cando o adolescente terá que decidir se queda en Auvers (onde a vella tía Jojo ou o xendarme da vila lle lembran continuamente o feito de que sexa fillo de solteira; onde non amigou cos mozos do lugar, que mesmo mallan nel por mor da súa relación coa rapaza da taberna, e onde Adeline aspira a que compartan un futuro común que nada ten que ver cos seus proxectos) ou se deixa atrás todo o que o rodea para definir un novo futuro.

Trátase dunha obra moi ben documentada, de léxico moi rico e coidado (igual que os outros títulos precedentes do autor), na que Marcos Calveiro achega de maneira amena aos máis novos a traxectoria vital e profesional dun pintor de peso na historia da arte.

Texto de Marta Neira publicado en El Correo Gallego o 22 de xuño de 2010.

Comentarios pechados