Menu Xerais

O poderoso mundo evocativo de Carolina Otero creado por María Xosé Queizán: «O solpor da cupletista». Crítica de Pilar Ponte

Pilar Ponte publicou nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre a novela O solpor da cupletista, de María Xosé Queizán.

 

Vestir e espir o mito

Do poderoso mundo da evocación

Mª X. Queizán achégase á figura de Carolina Otero desde unha dupla perspectiva: a da creadora narrativa e tamén a da estudosa que nos ofrece o ensaio «A liberdade arrogante»: dúas producións intensas en cadanseu xénero.

No relato asistimos aos últimos momentos dunha Carolina que habita na lembranza dun pasado glorioso, rodeada polos restos do naufraxio. Vémola dominada por unha ludopatía que a arrastrou á pobreza logo de deixar no casino fortunas que a súa fermosura arrincara dos petos máis privilexiados da Europa do momento. Canto ao ensaio, atopamos tamén fermosas páxinas da viaxe por Niza da propia escritora e afrontamos a realidade máis dura da nena de Valga. Violada e rexeitada socialmente, ten de marchar sen nada polo mundo e afronta con valentía un futuro no que consegue dominar a situación nun espazo controlado polos homes e converterse nunha muller singular da súa época.

Rematamos a lectura da obra e en nós ecoan os aromas, as cores, as texturas, o poderoso mundo da evocación creado por María Xosé Queizán neste particular ovo de Fabergé.

Pilar Ponte

Comentarios pechados