Menu Xerais

O premio de Ledicia. Anotación en Brétemas

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a concesión do o Premio Nacional de Literatura InfantilLedicia Costas pola súa novela Escarlatina. A cociñeira defunta.

 

O premio de Ledicia

A chamada de Ledicia Costas para dicirnos que lle concederan o Premio Nacional de literatura infantil por Escarlatina coincidiu cando estaba rematando a lectura do primeiro capítulo d’ O último día de Terranova, a novela de Manuel Rivas que publicaremos para Culturgal. A ledicia da noticia foi enorme xa que supón un importante recoñecemento para a novela de Ledicia, na que trata como unha familia aborda a morte e o duelo do avó, tema moi complexo, mais tamén para a visibilidade dos textos e autores e autoras da literatura infantil e xuvenil en galego como para os milleiros de lectores e lectoras (moitos máis de oito mil exemplares que levamos vendidos) que ao longo do último ano proporcionaron tantos azos e agarimo á autora cando visitaba os centros escolares. Este novo premio para Escarlatina é, tamén, o primeiro grande recoñecemento para unha autora da Xeración da Esperanza (ou do novo século), situando a Ledicia Costas cos grandes da  Xeración Lamote, Paco Martín con Das cousas de Ramón Lamote (1985), Xabier DoCampo con Cando petan na porta pola noite (Xerais, 1995), Fina Casalderrey con O misterio dos fillos de Lúa (1996) e Agustín Fernández Paz con O único que queda é o amor (Xerais, 2008), os únicos que até agora obtiveran este galardón con efectos canonizadores. Ademais, este novo premio nacional, o décimo oitavo da literatura e edición galegas (cinco de lix, cinco de tradución, tres de narrativa, dous de textos dramáticos, un de ensaio, un de poesía, un de teatro e un do mellor labor editorial) e o décimo nacional de obras publicadas por Xerais, constitúe un aliciente para o conxunto da edición galega e para os profesionais do sector que, a pesar de tempos tan difíciles, non deixamos de teimar nesta fantasía. Xaora, non deixa de ser unha coincidencia explicable pola providencia laica (esas causalidades e causalidades das que fala Manuel Seixas) que a novela que comezaba a revisar de Manuel Rivas se desenvolva nunha libraría e estea protagonizada por unha familia de contrabandistas de libros e por editores defensores, como Ledicia Costas, da consistencia esfética do libro. Parabéns a Ledicia Costas pola súa poreza que agardamos que a literatura e a edición galega repita decontado.

Manuel Bragado

Comentarios pechados