Menu Xerais

O primeiro Astérix sen Goscinny e Uderzo parécese aos de sempre

La Voz de Galicia publica unha información de Rubén Santamarta sobre Astérix e os Pictos, o novo álbum da colección clásica de Astérix.

 

 

O primeiro Astérix sen Goscinny e Uderzo parécese aos de sempre

Os franceses Ferri e Conrad recuperan con xeito as aventuras da aldea gala cun cómic clásico tanto no debuxo como no guión, sen afastarse dos fundadores

Os 24 álbums de Astérix que René Goscinny e Albert Uderzo publicaron durante case vinte anos, entre 1961 e 1979, forman parte da mellor historia da literatura xuvenil. Sen dúbida. O que chegou despois, unha decena máis de traballos xa sen guión do primeiro (falecido en 1977), son outra cousa. Notables uns poucos, irregulares outros, aburrido algún… O bajón tratouse de reverter co libro de ouro, homenaxe a 50 anos da aldea gala. E o resultado foi un híbrido bastante penoso. Por iso, todo levaba a pensar nunha inminente desaparición (esas cousas pasan) dunha serie mítica no cómic europeo… Ata Astérix e os pictos.

Cando recibiron o encargo de retomar as aventuras de Astérix , Obélix, Panorámix e compañía, Jean-Yves Ferri (texto) e Didier Conrad (debuxo) posiblemente eran moi conscientes das comparacións que se lles viñan encima. Podían tirar de tradición, ou apostar por unha ruptura. Fixeron o intelixente: pórse na pel dun seguidor da serie e pensar que terían querido recuperar eses millóns de lectores. As peripecias dos galos en Escocia que acaba de editar Salvat en español e Xerais en galego parecen (son, de feito) unhas aventuras das de sempre, con moita acción, golpes de humor, golpes de verdade, e chiscadelas tradicionais da serie, empezando polos xogos de palabras nos nomes; aquí convén resaltar o estupendo traballo dos tradutores.

Din na presentación do álbum o propio Albert Uderzo e Anne Goscinny (filla do soado debuxante) que están orgullosos deste traballo. Cando un le iso, que parece un gancho comercial, pon as alertas, polo si ou polo non. Pero teñen razón. Astérix e os Pictos non é un punto e aparte. É unha coma, unha perfecta continuación sen xiros estrambóticos, onde pasan as páxinas con sumo agrado e que, estilísticamente, é un calco do debuxo de Uderzo. Só algunhas secuencias, con planos máis grandes do habitual, e un deseño máis redondo dos personaxes escoceses (o dos galos é o de toda a vida), advertirán aos máis seareiros de que están ante un traballo do 2013.

Cumprida a parte da estética, había que redondear a obra cunha historia á altura (no que se fraqueou desde os oitenta). Ferri constrúe a típica narración da serie, que arrinca na vida da aldea, cotidianidad rota pola aparición dun tipo, un picto, metido nun bloque de xeo. A partir de aí, viaxe a Escocia e loita contra de bos contra malos, incluíndo, claro, uns cantos romanos polo medio aos que partir a cara con axuda da beberaxe máxica do druída Panorámix, e volta á Galicia.

Faltan algúns detalles, talvez non menores, como o cachorro Idéfix (a súa presenza é anecdótica), o momento preciso de beber a poción, ou as pelexas cos campamentos romanos veciños da aldea. Pero non faltan a aparición de César, algún personaxe da farándula do século XXI (o malo da serie é un calco do actor francés Vincent Cassel) ou a escena final, a de toda a vida.

Rubén Santamarta

Deixa un comentario!