Menu Xerais

O profesor e investigador Ramón Mariño Paz publica un manual de fonética e fonoloxías históricas

A web do Instituto da Lingua Galega publicou unha recensión sobre o libro Fonética e fonoloxía históricas da lingua galega, de Ramón Mariño Paz.

 

 

Ramón Mariño Paz publica un manual de fonética e fonoloxías históricas

O profesor e investigador do ILG Ramón Mariño Paz publica un manual de fonética e fonoloxías históricas do galego. Este volume, titulado Fonética e fonoloxía históricas da lingua galega e editado por Xerais, expón as mudanzas fonéticas e fonolóxicas que mediaron entre o latín que os romanos trouxeron á Gallæcia no século II a. C. e o falado na actualidade. Moitas das páxinas do volume están dedicadas a unha primeira fase, que se inicia coa romanización e que chega ata as portas do século XVI. É este un período moi extenso cuxa exposición non podemos subdividir, porque a escaseza dos coñecementos que temos sobre o latín galaico e o protorromance galego aínda non nolo permite. O percorrido complétase coa reconstrución das mudanzas do galego medio (séculos XVI-XVIII) e do galego contemporáneo (séculos XIX-XXI), que vive certamente asediado por graves problemas, mais sostido por un grupo social aínda numeroso e en condicións de desempeñar todo tipo de funcións comunicativas.

O cambio lingüístico calla cando unha innovación fonética, fonolóxica, morfolóxica, sintáctica, lexical, semántica ou pragmático-discursiva alcanza un suficiente grao de difusión nas distintas variedades dun idioma. Estas innovacións nacen unhas veces debido a impulsos que teñen que ver estritamente coa necesidade de que as linguas se manteñan como sistemas ordenados de signos, mais a miúdo responden á influencia de condicionantes extrasistémicos, nomeadamente de carácter social. A tarefa do lingüista histórico consiste en valerse de fontes de estudo sempre precarias para reconstruír a secuencia de mudanzas experimentadas por un sistema lingüístico desde un pasado adoito remoto ata o presente, así como en indagar sobre as motivacións que as propiciaron.

Deixa un comentario!