Menu Xerais

O recente Premio Xerais de Novela, Héctor Cajaraville, gaña o Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil

O xornalista e escritor Héctor Cajaraville, recente gañador do Premio Xerais de Novela con De remate, foi galardoado onte co Premio Raíña Lupa de Literatura infantil e xuvenil, convocado pola Deputación da Coruña, cunha novela titulada Vidas cruzadas. O xurado elixiu a obra por unanimidade e estivo composto por María Paz Castro Piñeiro, Mª de las Mercedes Cerdeira Uría, Esther Gómez Suárez, Begoña Llamosas Albizu e Fernando Molezún Rodríguez, actuando como presidente Xosé Regueira Varela, deputado presidente da Comisión de Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico e como secretaria Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes. A xuízo dos membros do xurado, a novela «trata un tema actual, con ingredientes abondo para atraer o interese dos lectores e lectoras: emoción, intriga, misterio, mais tamén tenrura, dinamismo, vitalidade; a boa construción das personaxes, con personalidades complementarias, que empatizan co público mozo, o sentido do humor, o carácter interxeracional e o final circular son outros alicientes desta obra».

Ademais de gañar estes dous premios nun breve prazo de tempo, Héctor Cajaraville foi finalista este mesmo ano do Premio Merlín de Literatura Infantil cunha novela titulada Quen dá a quenda?, que publicará Xerais en marzo de 2016, ilustrado por Ignacio Hernández. Así mesmo, é coautor do Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato, publicado o pasado ano.

 

Comentarios pechados