Menu Xerais

O rescate de López Abente con «A narrativa mariña». Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente.

 

 

Rescate de López Abente

Permitiranme que nesta ocasión nuclee este comentario  arredor dun volume no que quen escribe tivo unha mínima implicación de carácter técnico no que se refire á súa publicación, mais fágoo ao entender que esta publicación supón un rescate de certa relevancia e singularmente operativo para proxectar como merece a figura e parte da obra, narrativa neste caso, de Gonzalo López Abente. Refírome ao título A narrativa mariña,  que xa circula entre nós logo tras unha multitudinaria e garimosa presentación que se realizou na fermosa biblioteca municipal de Muxía hai xusto unha semana, e que ve a luz mercé á colaboración de Edicións Xerais coa Fundación Gonzalo López Abente, institución que por certo vén  realizando, ao meu entender, un meritorio e intenso traballo baixo o obxectivo de publicitar a figura de quen lle  lle dá nome, organizando xa unha serie de actos para conmemorar o cincuenta aniversario, no 2013, do falecemento do autor e alentando, asemade, proxectos entre os que non gozan dunha importancia menor o rescate e publicación de textos literarios, inéditos ou éditos, do escritor muxián.

       E uns textos éditos, en efecto, pero hoxe en día case inaccesibles mesmo para especialistas, son os que se compilan, baixo o traballo rigoroso e apaixonado do profesor muxián Suso Sambade Soneira, responsable tanto dunha documentada introdución que preludia o volume como da edición dos textos incluídos na presente edición. No devandito estudo previo, alén dunha completa e exhaustiva revisión biográfica, exponse polo miúdo a intensa vinculación de López Abente con institucións políticas e culturais de corte galeguista como foron as Irmandades da Fala, o Partido Galeguista ou Seminario de Estudos Galegos e ofrécense as principais claves interpretativas das cinco novelas curtas rescatadas: O diputado por Veiramar (1918), O escándalo (1920), O novo xuez (1922), Buserana (1925) e Fuxidos (1926).

          Teño para min que a lectura destas pezas narrativas, ou a súa relectura, revela nunha primeira instancia a intensidade do compromiso dun autor coa posta en marcha dun proxecto moi concreto e singular como foi o de construír un corpus narrativo en lingua galega, que amosase unha temática popular mais tamén universal e recreada literariamente con acerto e dignidade. Velaquí, así pois, un conxunto de novelas breves ideadas desde o criterio da sinxeleza e a efectividade, para que a súa recepción fose o  máis fecunda e ampla posible. Non xoga un papel menor, neste sentido, esa recreación de atmosferas, de espazos e de xentes pertencentes ao ambiente mariño ou costeiro, situando deste xeito a Muxía e os seus arredores como un pano de fondo característico da súa produción.

       Este A narrativa mariña supón un operativo avance nese ronsel iniciado co rescate que supuxo a publicación hai poucas datas do poemario inédito Bretemada. Un e outro facilitan o acceso á obra literaria de López Abente e serven para afondar, con ferramentas de análise contemporáneas, na produción dun autor que cómpre, talvez, ir resituándoo no papel que desenvolveu na literatura galega do século XX.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!