Menu Xerais

O sentimento da vida e da paisaxe: «Zapatillas rotas», de Xabier Quiroga. Anotación en Brétemas

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación de Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga en Lalín.

 

En Lalín con «Zapatillas rotas»

Gran presentación no IES Laxeiro de Lalín de Zapatillas rotas, a quinta novela de Xabier Quiroga. O equipo da Biblioteca preparou unha presentación da súa lectura compartida e proxectou o vídeo da súa lectura acompañando ao autor. Celso Fernández Sanmartín «Celsiño» foi intercalando as súas intervencións memorables, textos orais coidadísimos que contribúen a enxergar unha esperanza para a lingua galega e para a memoria das historias de vida dos que a falaron. Xabier Quiroga comezou expresando a súa gratitude ao seu alumnado pola lectura da súa obra, animándoos tamén a crear, a poñerse a escribir. Gabou os discursos de Celsiño subliñando que coma el cría que «os vellos saben moito, ás veces nos seus silencios, outras na súa memoria». Confesou despois que Zapatillas rotas saíu da estancia da súa avoa durante o derraeiro ano da súa vida nunha residencia. «Vin o que había alí. escoitei. Dediqueille a novela, a pesar que ela nunca viu o mar. Cadreina en 95 capítulos, tantos como tiña ela cando morreu».

Explicou que, como en cada unha das súas novelas anteriores, quixo «contar unha historia, neste caso a dun vello que marcha do asilo, que se rebela contra iso». «As novelas son coma un río, todo vai enchendo o seu caudal.» «Zapatillas rotas é unha historia que nos vai levando cara a beiramar, unha viaxe dun vello e dun parado, na que intentei relacionar o pasado e o presente.» Antes de enumerar as intencións e temas que quixo abordar na novela, Quiroga salientou que «os escritores facemos paxaros de barro». «Quixen denunciar o abandono dos vellos e o negocio público e privado das residencias de maiores. Quixen denunciar a unha adolescencia consumista que abandona o idioma. Denunciar a unha clase política corrupta e oportunista. Quixen denunciar a violencia contra a muller. O personaxe de Lola é esencial nesta novela. É criada, nai, avoa, usada e abusada. Quixen denunciar o paro, a falta de traballo e esa certa resignación que vivimos coa crise. Quixen denunciar a represión política, a corrupción, a confusión dos valores, nun tempo no que interesa máis o ter ca o sentir. Quixen falar da soidade no Vigo proletario e do abanodono do rural e da súa violencia. Mais e sobre todo, quixen abordar o sentimento da vida e da paisaxe. Sei que os maiores senten a paisaxe, como sentimento da Terra». Rematou Xabier Quiroga definindo Zapatillas rotas como «novela da memoria, para min non hai literatura sen memoria». «Esta novela é unha homenaxe á nosa sente e ao noso país. É unha novela dun amor imposible que permanece máis alá da morte».

Comentarios pechados