Menu Xerais

«O silencio», de Mario Regueira: un instante entre dúas bombas. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publica en Galicia Confidencial unha recensión crítica sobre O silencio, de Mario Regueira.

 

O silencio e a batalla no século XXI

A poesía supraxenérica de Mario Regueira é analizada esta semana por Xosé Manuel Eyré que fala da súa obra ‘O silencio’, editada por Xerais.

Ben coñecidas son as clásicas gabanzas do silencio, mais Mario Regueira non é un poeta clásico, un poeta á clásica. Non, Mario Regueira non concibe o silencio como unha conciliadora expresión de paz. Todo contrario, este silencio de Mario Regueira descríbese como o instante que media en tre dúas bombas; un instante que, logo, forma parte tamén da guera. E en que guerras anda metido o ser humano? Non faltando conflitos bélicos no orbe nin no tempo, todas as guerras son a guerra, ben se podería dicir sen temor de erro. Mais non é só iso senón que se o ser humano sempre é vítima debe ser que sempre anda nalgunha guerra aínda que esta non se identifique polos seus ruídos, polas súas habituais fasquías. Un ser humano é vítima non puntual senón universal, en calquera recanto do mundo.
Hai un primeiro poema a modo de presentación, do mesmo título có pemario. Nel déixanse ver as constantes que caracterizarán a escrita a seguir dos textos. Dicimos textos porque Mario Regueira concibe a poesía coma unha caste de expresión totalizadora do pensamento humano; para Mario Regueira a poesía é o xénero, ou non-xénero, definitivo, no que aportan saberes prodecentes da política, da lexicografía, da sociolingüística, da filosofía, da historia, da música, da escultura, ( da arquitectura, na propia construción textual), da economía, do humanismo etc. Aquilo de compartimentar saberes, iso foi algo da modernidade abraiada coa magnitude espistemolóxica a comprender, mais todos e cada un forman parte do ser humano igual poesía e narrativa, calquera xénero, ten como finalidade a expresión do ser humano. Por iso tamén antes escribimos textos, non poemas, porque é práctica repetida a o axilio narrativo no poema, o auxilio narrativo porque ás veces temos a impresión de ter diante un microtexto de orixe narrativa negra, ou bélico, ou prosa de divulgación humanitaria, ou memo prosa animada de sociolóxico espírito filosófico. De xeito que a de Mario Regueira é unha especie de poesía total, unha brutal poesía total con clara vocación social; porque a utilidade do poesía, para Mario Regueira, trascende a minúscula esfera do individual, se quere ser útil a poesía ten que ser catalizador ou detonante revulsivo; ou, se non, non é máis que pasatempo inocuo, morfina adormentante.
Xa por iso se nos advirte, logo dese primeiro poema, que o malo non é o non ás utopias, a renuncia aos soños, o peor é a renuncia a loitar, esa é a derrota definitiva do ser humano en contraste coa vitoria económica do capitalismo expresada como unha vitoria biolóxica. Só sobreviven os sen conciencia, do resto todo é cascallo, desvalimento, desherdadados que tantas veces nin se senten irmandados na esquecida guerra de todos os días. Un todos os días onde o ser humano interiorizou tanto a violencia como parte súa que non reacciona aínda que a industria armamentística e o seu afán de matar nenos crea bombas como xoguetes.
A partir de aquí – “O silencio (retardo)”- hai aparece un novo elemento temático, o amor, que tantas veces van xuntos. E hai unha diferenza ben grande entre eles: a guerra sempre se realiza, mais o amor nin cando se consuma mediante o acto sexual pode considerarse realizado. Até tal extremo temos o inimigo na casa, no noso interior, que dificilmente o enxergamos desde os altos muros da vida e a paixón. O cal é así sempre, inclusive desde aquela adolescencia atrevida e inconsciente. Amor e guerra, mais o amor lévase mal coa destrución; aínda que tantas veces  remate nela, a do amor é a única guerra salvábel. A única que quizais nos salve dun inimigo que nunca foi derrotado e que fura e fura teimando despersonalizarnos, borrarnos as fronteiras da personalidade até volvernos estatuas, tristes estatuas non erguidas á memoria dalgún heroe. Tristes estatuas que materializan a cegueira humana, “hai ollos que nunca verán se non son baleirados /previamente” (46). A cegueira ante “ unha guerra que non acaba/unha guerra que  che converte as fillas/nunha sucursal caseira dela mesma”(50). “Toda práctica imperialista pode resumirse nunha enorme/violación” (53). Esta situación deixa o ser humano perdido, desnortado, un ser humano para quen mesmo os esquemas sociais, no eido do sexo-amor, son insatisfactorios, condenado á soidade se non se decata de que por riba de todas as guerras e  as súas batallas, ou ademais de delas, está a guerra antiimperialista. Si, “endexamais se poderá borrar o silencio brutal do baleiro/que deixa unha explosión/ou unha cama sen peso a media noite” mais peor son as guerras que padecemos sen sabernos protagonistas.
Desde o punto de vista formal, e alén das referencias a outros autores ( Curros, Celso Emilio, Borges, Neruda, Bernhard, Kavafis…) cómpre salientar a mesma concepción do poemario como  innterludio entre silencios ( ademais do poema inicial, “O silencio”, logo veñen outros “en retardo” e “constante”), o logrado xogo de ritmos moi medidos ( entrecortado, breve, pausado ou longo)  e o auxilio dunha variada tipoloxía textual (segundo de onde procedan os xuízos a escribir) que fan do poema unha sorte de poesía total. Poesía total ou supraxenérica porque Mario Regueira non ten dúbida de que o que escribe é poesía, aínda cando recoñeza que o eu poético non di toda a verdade e se ve forzado ao esaxero, porque tampouco deixa de efectuar contínuas revisións/lecturas sobre o que escribe. Non pode haber dúbida, entre outras cousas porque a figuración empregada é característica da poesía, polo cal tampouco debe pasar desapercibida esta actualización nuns textos que non foxen do alento épico, malia o autor escribir sobre guerras bélicas que non viviu ( mais si padece, despois de tanto tempo aínda as tropezamos) e non construir os poemas arredor, exclusivamente, desta ou daquela guerra aínda que non se renuncie a identificalas con máis ou menos clareza.
En defintiva, eis unha poesía brutalmente supraxenérica, na que tan ben se recoñecen microtextos nacidos á beira do feito poético como estes poden derivar noutros de carácter descritivo ou interpretativo. Pois velaí o que non pode faltar, a interpretación, a menos  que  a lectura sexa tan baleira como a cegueira dos que non saben que estamos en guerra.

Comentarios pechados