Menu Xerais

O territorio da fisura: «Raíz da fenda» de Berta Dávila. Anotación de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publica no seu blog Ferradura en tránsito unha anotación sobre Raíz da fenda de Berta Dávila (XV Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu).

 

Territorio da fenda

O destino do ser humano é enfrontarse á soidade. Chego a esta conclusión logo da lectura da primeira » fisura» de Raíz da fenda, o poemario de Berta Dávila editado por Xerais. Non se pense que se trata dunha conclusión «filosófica» ou «lírica». Se se categoriza tanto é precisamente porque calquera dimensión da vida patentiza que o destino do ser humano é enfrontarse á soidade. Pénsese na política, por exemplo. É tanta a distancia entre o acontecer político e as necesidades da xente? Que un chega a pensar que a finalidade da política ( destes políticos) é sementar na xente unha sensación de soidade tan potente que a xente se cuestione atender a nada que non sexa puramente eles mesmos. E, neste clima xeral, os que pensamos ao revés, que a solidariedade e a altura de miras son o único que nos pode salvar com humanos…pois claro, tamén nos sentimos sós.

Porque somos as fillas dunha lingua dura

e forte, como a améndoa, e por iso inventamos

tantos nomes para convocar a fenda ( 15)

A fenda. Todo enfrontamento significa fenda. Toda elección significa fenda (rexeitamento, abandono, desexo). O primeiro punto de contacto é tamén o primeiro punto de diverxencia ( Yolanda Castaño  dixit).

Porén, esta constatación da dolor, fenda:dolor, non debe resultar incapacitante, desmoralizante, a mesma beleza deste poemario (elexiacamente doloroso) debe convocar a esperanza. Non será a solución definitiva, a beleza. De seguro que non. Porque, sincera e sinxelamente, non toda a xente está capacitada para recoñecer a beleza. É imposíbel recoñecer a beleza detrás, por exemplo,, do racismo, do sexismo, do egoísmo, do capitalismo, do  glotocidio gratuíto, do xenocidio oportunista, do escravismo que significa a relixión…Son demasiadas ocasións onde a beleza se ausenta, onde a beleza resulta ausentada.

Mais unha cousa é clara, absolutamente diáfana: somos as nosas querenzas, os nosos soños, aquilo a que aspiramos e aínda non somos. E esa é a fenda co inmobilismo, coa eterna condena á involucióne  o non progreso.

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados