Menu Xerais

«O Xardín das Pedras Flotantes», Premio Xerais de novela 2008

O xurado da 25ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros e formado polos escritores Xabier Puente Docampo, Xosé Miranda, Santiago Jaureguizar, Uxía Casal, Estíbaliz Espinosa e Francisco Alonso Villaverde (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as cincuenta e catro obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os seguintes lemas: “As sereas de Tubinga”, “Flor da xunqueira” e “Memoria de sal”.

Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Flora da xunqueira”, presentada baixo o pseudónimo Manalva que, despois de aberta a plica, resultou ser de Manuel Lourenzo González e corresponde ao título O Xardín das Pedras Flotantes.

A novela gañadora do Premio Xerais de Novela no seu vinte e cinco aniversario foi considerada polo xurado “un relato de amor insólito, extraordinario e paixonal entre dous adolescentes, marcado por unha historia confluente de carácter xenealóxica, que arrinca desde a Idade Media e nos conduce até a actualidade”. “Somos un para a eternidade, e iso está escrito así no libro da vida desde o principio dos tempos”, asegúrase nunha das frases da novela, confirmando que o personaxe principal se move impulsado por un destino cósmico dentro do que uns acontecementos son necesarios para que outros novos e inevitables tamén teñan lugar.

O Xardín das Pedras Flotantes relata, con moitísima frescura, unha historia fermosa e capaz, podente, gobernada por unha gran imaxinación e ateigada de pequenas e riquísimas crónicas que acaban encaixando na engranaxe da novela coa precisión da maquinaria dun reloxo. Botando man de elementos da literatura fantástica ou da traxedia e sen esquecer nunca un sutil e estimulante sentido do humor, a novela combina varias persoas narrativas, homenaxea esa literatura que viaxa de Lovecraft a Poe, e adobíase, desde as roupas da contemporaneidade, cos intensos sentimentos humanos que o amor provoca nos comportamentos dos personaxes.

Desde o discurso memorialístico inicial, que o personaxe realiza e que preside toda a narración –orixinándose moito antes da súa propia infancia– até o desenlace final, o lector non perde de vista en ningún momento que a historia de Simón e Anabel é o auténtico motor que tece o entramado singular desta novela entretida, viva, vizosa e sedutora.

Manuel Lourenzo González declarou, cando recibiu o premio Xerais, que “O Xardín das Pedras Flotantes é unha relato de relatos. Un discorrer de múltiples historias nas que se mesturan personaxes, sucesos, lugares e tempos diversos e alleos e, sen embargo, unidos polos fíos paralelos da causalidade e o azar. Todas estas historias van confluír nos dous personaxes centrais, un rapaz e unha rapaza, cuxas vidas son o resultado inevitábel das sutís armazóns creadas polas vidas dos seus antecesores. Chegados á idade adolescente, o amor déixase sentir entre eles. Daquela, a busca dun espazo propio conducirá, tamén inevitabelmente, á traxedia como única vía posíbel de liberación”.

Continuou Manuel Lourenzo González expresando que “O Xardín das Pedras Flotantes vén ser un lugar da mente no que o amor e a morte, a literatura e a vida, o aquén e o alén, se igualan para guiarnos á pregunta esencial sobre o sentido da existencia. E é tamén unha emoción, o océano da memoria entendido como a ponte balsámica entre a pureza da infancia e os avatares dunha vida que non sempre é nosa”.

Comentarios pechados