Menu Xerais

Obra de referencia indispensable: «Historia da Literatura Galega I», de Xosé Ramón Pena. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha unha recensión crítica de Historia da Literatura Galega I, de Xosé Ramón Pena.

 

 

Obra de referencia indispensable

Xosé Ramón Pena, novelista de sona e calidade incuestionable, amais de director do mellor suplemento de literatura-cultura xornalístico que se edita hoxe en Galicia (O Faro da Cultura), publica agora o primeiro tomo dos tres que constituirán a súa Historia da Literatura Galega. Este primeiro tomo, a falta dos outros dous, converte a Pena no mellor historiador da nosa literatura.

O primeiro gran mérito desta historia da literatura é que, como no caso do imprescindible aínda hoxe Carballo Calero, temos unha historia da literatura escrita por unha soa man, o que dota a obra de coherencia. Estamos fartos de ver historias da literatura onde traballa un feixe de colaboradores e, deste xeito, a obra carece da unidade e visión de conxunto que dá o autor único.

Nin que dicir ten que a obra está ao tanto dos últimos achados da teoría da literatura actual e tamén da bibliografía sobre lingua e literatura galegas existentes ata o momento da edición deste primeiro tomo. Chama a atención como mesmo asume artigos que se publicaron case ao mesmo tempo que esta historia, como acontece co de A. Angueira referido a Sarmiento, por exemplo.

Este primeiro tomo abarca ata 1853, data da edición de A gaita gallega, que Pena considera como inicio do Rexurdimento. Iníciase este tomo cunha axeitada exposición da historia de Galicia e mais da lingua galega, que desbota vellos tópicos da historia españolista. No tratamento da lírica medieval volve amosarse Pena como o noso mellor especialista de conxunto. Nalgunhas páxinas logra unha conxunción perfecta entre o historiador e mais o novelista, pois describe, con innegable amenidade, cuestións tan abstrusas de seu como pode ser a da transmisión dos Cancioneiros ou os achados dos pergamiños Vindel e Sharrer.

Moi interesante resulta así mesmo a valoración que fai Pena da lírica galego-portuguesa medieval, situando no seu lugar o suposto esplendor da literatura medieval. Do mesmo xeito, a súa interpretación dos Séculos Escuros como Galego Medio tamén dá no albo.

Xa que logo, se a Historia da literatura galega contemporánea foi a obra de referencia para a literatura galega no derradeiro terzo do século XX, esta Historia de Pena é a obra de referencia para o comezo do século XXI. Todos os que nos dedicamos profesionalmente á elaboración de materiais para o ensino da literatura galega hemos de ter esta obra de Pena sobre a nosa mesa de traballo. Mais, o lector interesado, que non sexa filólogo profesional, ha de acudir a esta obra para coñecer xa non só o devir da nosa literatura, senón tamén a historia de Galicia e mais da súa cultura. Por outra banda, está redactada nunha lingua que, sen perder o rigor do rexistro científico humanístico, presenta a claridade, concisión e elegancia do novelista ou mesmo do xornalista.

Se comparamos este manual de Pena con outros que están por aí á venda, como os de Vilavedra ou Tarrío, non hai que ter ningunha dúbida: merquen o de Pena. Tampouco se metan a comprar os enormes e caros tixolos confeccionados por varios autores, cada un do seu pai e da súa nai, onde, baixo a suposta coordinación dun todólogo de fama, se tenta historiar a nosa literatura. Esta Historia de Pena é mellor ca todo iso e o seu custo é máis que axustado. Non se pode ofrecer tanto por ese prezo. Estrañaralles aos puristas esta referencia a relación prezo-calidade das obras da cultura, mais o libro é un mercado e a función da crítica é tamén informar aos lectores e lectoras sobre como sacarlles rendemento aos seus investimentos en cultura, sobre todo nestes tempos de crise.

Teño agora que facer unha reflexión sobre a condición profesional de Pena. Segundo vexo por internet, Pena non é catedrático de universidade, senón de instituto. Isto resulta abraiante. Así nos loce o pelo! Tampouco é académico da galega…

Como remate só digo que ningún profesor ou profesora de lingua ou literatura galegas, filólogo ou filóloga en xeral ou estudante universitario de materias humanísticas debe deixar de mercar este libro para o usar como libro de cabeceira. Quen isto escribe anda metido nun proxecto de elaboración de libros de texto para ESO e BUP e ten como libro de referencia e consulta este de Pena, polo que lle damos as grazas desde aquí ao autor e esperamos que cumpra os prazos de publicación que anuncia para os tomos II e III.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!