Menu Xerais

Oito títulos de Xerais, entre os mellores libros da ficción literaria galega dos últimos vinte anos. Reportaxe en «Vinte»

Publicouse en Vinte unha reportaxe asinada por María Yáñez e Berta Dávila na que se da conta dunha selección dos vinte mellores títulos da ficción literaria escrita en galego publicados nos últimos 20 anos. Na escolma participaron vinte homes e vinte mulleres que gardan relación de diferentes maneiras co ámbito do libro. Na escolma figuran os seguintes libros publicados por Xerais: Herba moura, de Teresa Moure; Os libros arden mal, de Manuel Rivas; Limpeza de sangue, de Rubén RuibalO único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz; Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas; Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo e Besta do seu sangue, de Emma Pedreira.

 

Vinte mulleres e vinte homes seleccionan os vinte mellores títulos da ficción literaria última escrita en galego

Algunhas humanas atopamos certo pracer en elaborar listas e consultar listas. As listas serven para ordear as cousas, para facer balance, para sumar, para conservar na memoria unha relación de ideas que non podemos ou non queremos esquecer. A psicoloxía di que é unha estratexia útil anotar as tarefas pendentes. Parece ser que se recollemos por escrito as actividades que temos por diante nun pedazo de papel a nosa cabeza entende que xa existe un lugar que nos recorda que esas cousas existen e deixa de mandárnolas insistentemente ao fío de pensamento ansioso. Así que as listas son depositarias da memoria e reúnen ou xuntan os versos soltos entre sí para que non se perdan. Para que os vexamos.

Existen fermosos libros de listas como o Je me suviens de George Perec que á súa vez nace do I remember de Brainard. E Acórdome de Olalla Cociñano blogomillo. E alí tamén as listas de Estíbaliz Espinosa en Estibalizes. Existen as listas negras. Hai listas famosas referidas a case todas as cousas sobre as que ás persoas nos importa saber se somos ou se estamos ou cantos son e cantos están, como a lista de xente que máis riqueza acumula no mundo ou a lista de persoas mellor vestidas dos Oscar ou as listas de morosos.

As persoas que lemos, adicionalmente, temos certa tendencia perversa a facer listas de libros, aínda que odiemos as listas e o que significan, porque detestar o que algo comporta en sí mesmo non quere dicir que non queiramos saber. Existen un montón de listas de libros recomendados para o Nadal, para coñecer un lugar (os mellores libros sobre Nova York, os mellores libros sobre Vigo), listas de libros de novela negra, de aventuras, de literatura fantástica ou de literatura infantil. Vimos de asistir a unha proliferación de listas que acontecen en tempo de Nadal. Antes de que un ano remate, os xornais, os críticos e tamén os bookstagramers comparten as súas mellores lecturas dos meses anteriores. A chegada dos anos vinte e o remate dos anos dez provocou, ademais, que El País fixese a lista dos 100 mellores libros do século XXI ademais da lista dos mellores do ano. Tamén asistimos á lista dos mellores libros para nenas e nenos para poñer na carta dos Reis Magos. The Guardian ou BBC Culture trouxeron tamén listas sobre a literatura escrita en diferentes linguas e The New York Times elaborou, como adoita, a lista dos mellores libros do 2019 escritos en inglés. Repito: algúns humanos atopamos certo pracer en elaborar listas e consultar listas. E parece evidente que os humanos que lemos máis aínda.

La Voz de Galicia pediulles a algúns libreiros galegos que seleccionasen os mellores libros deste ano 2019 que remata e destacaron os tamén eloxiados pola crítica e o lectorado Un Lume azul e Beleza Vermella, de Pedro Feijoo e Arantza Portabales, entre un conxunto de libros en castelán que ascende a máis de vinte títulos. A importancia de que non se nomeen apenas libros escritos en galego nos xornais de Galicia non é menor, porque se nin sequera entran no imaxinario do posible para o lector de listas, dificilmente formarán parte do debate sobre o que se escribe. Do mesmo xeito, non saberemos se o libro galego pode ou non pode competir en atención co libro escrito en castelán mentres estea relegado ao soto da libraría, fóra do escaparate, fóra do mostrador ou mentres a libreira coloque nas mans da lectora que pediu un título sen dicir en que idioma o quería a edición en castelán dese mesmo título, dando por sentada a preferencia. Mentres nós mesmas deamos por sentado, en xeral, a preferencia, e asumamos que escribimos libros en galego para un tipo de público concreto que nos escolle de maneira militante, por vez de inscribirnos, desde o noso, no universal. As listas serven tamén, e moitas veces, para excluír. O que non se nomea fica, se cadra, na marxe do invisible. É innegable.

Mais non é o obxectivo desta lista. O obxectivo, se hai algún, é revisitar o que se escribiu en Galicia nestes últimos vinte anos, xerar debate, confrontar o que pensamos co que pensan outras persoas, falar de libros, en definitiva. Para iso, pedímoslles a vinte homes e vinte mulleres que gardan relación de diferentes maneiras co ámbito do libro que nos axudasen a compoñer unha lista de vinte libros para VINTE. Cada participante elaborou a súa proposta de vinte títulos favoritos entre o publicado desde o ano 2000 ata o 2019, é dicir, nos vinte primeiros anos dous mil. Lembramos desde aquí a todo aquel que teña a ben lembrarnos que a próxima década comeza no 2021 que xa o sabemos, mais entendemos que os anos vinte comezan no ano vinte e que os anos dous mil comezan no dous mil, aínda que non se correspondan co comezo do milenio e da década. Pedíuselles a estas persoas especificamente que a súa lista fose persoal e sen cortapisas e que fose, sobre todo, o que cada quen considerase o favorito, o máis salientable, do publicado no marco da literatura de ficción desde o ano 2000 ata o 2019 co galego como lingua orixinal. Isto inclué poesía, narrativa e teatro, non así ensaio e tradución. A consigna fundamental foi que tratasen de poñerse na situación de ter que seleccionar vinte títulos para meter nunha cápsula estanca e que unha civilización futura teña unha idea do que foi o mellor da ficción literaria galega destes últimos vinte anos.

Esta consulta ten, daquela, un aspecto principalmente lúdico e curioso, sen renunciar á procura dunha representación equitativa de participantes. Para iso procuramos que estivesen representadas persoas que se ubican en diferentes espazos, desde a lectura (nada tería sentido de todo isto sen as lectoras apaixonadas que aínda quedan) ata a edición, pasando pola escrita en diferentes xéneros, a tradución, a crítica divulgativa, a crítica académica ou as institucións relacionadas coa lingua e a literatura. Do mesmo xeito, a idade das persoas que participan é tamén variada, e ademais de vinte homes e vinte mulleres, establecéronse tres grupos de idade: persoas nacidas antes de 1970, persoas nacidas entre 1971 e 1980 e persoas nacidas a partir de 1981. Foi necesario consultar 67 persoas en total para chegar ás vinte mulleres e os vinte homes que aceptaron participar. Os nomes desas persoas, as súas datas de nacemento e as listas que elaboraron poden consultarse no documento de listas individuais e na galería de listas.

Se cadra o máis interesante de toda esta reportaxe sería contar o proceso, as dúbidas e as consideracións de todas estas persoas mentres elaboraban as súas listas. O comentario máis repetido foi que, inevitablemente, sentiron que era unha selección pouco xusta cos títulos que quedaban fóra. Porén, tamén xurdiu, en varias ocasións, a idea inversa: que vinte títulos son moitos títulos. E aínda que resulte contradictorio, as dúas cousas poden confluír ben. Algunhas persoas contaron que lles foi doado escoller media ducia de títulos pero que, unha vez subiron de dez ou quince libros, tiveron dificultades para decidir por que si incluír un libro no posto décimo noveno e deixar outro fóra no vixésimo primeiro, non habendo unha diferencia substancial na súa percepción destes dous libros. Semella evidente que o problema de seleccionar é sempre ese, a fronteira entre o que fica dentro ou fóra e que este é, polo tanto, un problema inherente a calquera selección. Tamén por iso, non deberiamos tomar esta lista como o que non é. Pensamos que as lecturas dunhas persoas se complementan con outras distintas e que, ao cabo, todo isto non deixa de ser un xogo.

Houbo tamén dúbidas sobre algúns libros publicados nos últimos anos que foron considerados por varias persoas o mellor do publicado neste tempo pero que non podían, por diferentes razóns relativas ás normas da proposta, ser incluídos en listas. É o caso de volumes que recollen obra completa, como a de Vidal Bolaño ou a de Xela Arias porque, aínda que foron publicados no marco temporal que propoñemos, recollen fundamentalmente obra escrita con anterioridade e xuntan, ademais, a produción completa dun autor, polo que non serve para establecer unha comparativa razoable con obras concretas en singular. Tampouco se considerou oportuno nin necesario xerarquizar as lecturas por orde de preferencia, senón soamente por ano de publicación. A lista que segue é a dos vinte títulos que acumulan un maior número de mencións por parte das corenta persoas participantes. O número total de libros nomeado foi de 366, o que denota, en boa medida, a diversidade das persoas que os nomearon.

Vinte libros para os últimos vinte anos

Tempo fósil, de Pilar Pallarés, Os libros arden mal de Manuel Rivas e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, foron escollidos como os tres mellores libros de poesía, narrativa e teatro, respectivamente, dos anos dous mil. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, o mellor libro de LIX. Esta é a lista completa, ordeada por ano de publicación, dos vinte títulos máis repetidos de todos os xéneros, acompañados dunha breve descrición baseada na presentación editorial coa que foron publicados.

2000 m-talá, de Chus Pato

Chus Pato achéganos, a través de m-Talá, unha proposta poética inovadora, que rompe co poema tradicional e atenta contra o eu lírico. m-Talá é un libro postmoderno, que se achega a outros xéneros para incorporalos, e o poema defínese pola capacidade de asignificar e asumir dentro de si todos os significados posibles. m-Talá constrúe a súa propia linguaxe, desde a que fala e sobre a que reflexiona.

2000: As rulas de Bakunin, Antón Riveiro Coello

As rulas de Bakunin nace do gromo da sensibilidade dos derrotados e os perdedores. Antón Riveiro Coello fai con esta novela un acto restitutorio e tamén de rebeldía na recuperación da memoria dos heroes silenciados, representados na figura de Camilio Sabio Doldán, un vello anarquista case centenario que viviu a guerra, o cárcere e o exilio.

2001: O sol do verán, Carlos Casares

A novela póstuma de Carlos Casares, publicada uns meses despois da súa morte, conta a historia de Carlos e Helena, e foi descrita como unha historia de amor e morte, un canto melancólico á beleza, á xuventude e á plenitude da vida e da memoria.

2003: O libro da egoísta, Yolanda Castaño

Descrito como distinto aos que Yolanda Castaño ofrecera antes, un punto e á parte na súa obra, e calificado de atípico pola propia autora, o libro da egoísta é un retrato ou busca interior que é tamén simulación, labirinto, retratos e rostros múltiples, tantos coma mulleres e seres humanos hai, tantos coma lectores.

2005: Herba moura, Teresa Moure

Gañadora do Premio Xerais 2005, a novela lévanos da man dun personaxe contemporáneo chamado Einés Andrade, ao século XVII, onde nos atopamos coa figura dun Descartes humano e fráxil e, sobre todo, coa figura de dúas mulleres: a raíña Christina de Suecia e Hélène Jans, unha entrañable meiga residente en Amsterdam. Unha novela que deita unha ollada crítica sobre o devir das mulleres na historia, dándolles voz e recuperándoa para elas.

2006 Os libros arden mal, de Manuel Rivas

Novela na que as vidas dos libros, as persoas e a linguaxe se cruzan e entrelazan nun relato de suspense que abrangue desde o século XIX ata o tempo actual, e na que un universo de voces insólitas constrúen a memoria colectiva dun tempo que rodea os acontecementos de agosto do ano 36.

2007 O único que queda é o amor, Agustín Fernández Paz

Por esta libro de relatos Agustín Fernández Paz obtivo o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2008. Unha obra composta por dez pezas protagonizadas por personaxes que experimentan o amor en diferentes formas, unidos todos eles por fíos sutís.

2009 Circe ou o pracer do azul, Begoña Caamaño

Unha muller leva once anos agardando polo retorno do seu home. Cando comeza a temer a probable morte do marido, recibe a carta dunha estraña que lle revela que o seu home vive con ela un romance apaixonado. A partir de aí vaise tecendo unha relación epistolar entre as dúas. O que nunca se contou da historia de Penélope e Circe, un dos mitos centrais da cultura europea.

2011 Laura no deserto, Antón Riveiro Coello

As historias de Diana, que na Barcelona de 1982 atopa unha carta onde se descobre un pasado familiar ata daquela agochado; a dos últimos días da vida dun intelectual en Compostela, que lega ao seu fillo un enigma aínda non resolto; os intentos de Bob, un fotógrafo retirado de Brooklyn, por salvar a Bernie, un amigo que probou o suicidio, e a historia do destino ignoto dunha muller que se debate por conservar os últimos gromos da memoria.

2012 Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño

Begoña Caamaño propón unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda. A chegada de Morgana racha a aparente serenidade coa que Merlín vive na fraga de Esmelle. A novela constrúe unha reflexión en torno á responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos.

2013 O derradeiro libro de Emma Olsen, Berta Dávila

A escritora Emma Olsen, afectada por unha enfermidade terminal, decide dedicar o tempo que lle queda a rematar unha novela que revela misterios moito tempo soterrados que afectan a varios dos habitantes de Faith, a pequena cidade perdida do Medio Oeste norteamericano na que naceu, un lugar no que semella non acontecer nada interesante nunca, mais que garda un universo de mentiras e conflitos.

2015 O deserto, María do Cebreiro

O libro propón un diálogo literario e plástico co xénero medieval dos devocionarios e dos Libros de horas. O exercicio de versionado do modelo histórico dos libros de meditación permitiu operar dun xeito libre e creativo cos referentes relixiosos orixinais, de xeito que estes non determinan o sentido da lectura nin orientan a interpretación xeral da obra. Grazas ao traballo gráfico de NUMAX, o resultado final percíbese o propósito estético e meditativo do propio libro e das imaxes nel empregadas.

2014 Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas

Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos, e recibe un cadaleito acompañado dun sobre negro con instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A novela coa que Ledicia Costas gañou o Premio Merlín, e  o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

2015 Seique, Susana Sánchez Aríns

A presentación editorial do libro indícanos que non é un poemario, nin unha novela nin un ensaio nin unha investigación histórica aínda que recolle algunha cousa de cada un destes xéneros para construír unha historia de vida anónima que é a base para propoñer unha reflexión sobre a desmemoria e as maneiras de construír a historia.

2015 Cabalos e lobos, Fran P. Lorenzo

Vigo. Setembro de 1972. Paula acaba de atravesar unha cidade tomada pola policía franquista e colapsada pola folga. Na súa casa, no alto do edificio de Gran Vía nº 2, agárdaa unha revelación. Ten quince anos e acaba de decatarse de que non coñece a súa nai, a herdeira dunha influente estirpe de empresarios alemáns asentados no porto vigués a finais da I Guerra Mundial. O que ela descobre esa tarde é o primeiro segredo dunha rede de mentiras e silencios que, xa no presente, se verá obrigada a destecer para o seu fillo.

2017 Camuflaxe, Lupe Gómez

En palabras de Ramón Nicolás, neste poemario, co que Lupe Gómez gañou o Premio da Crítica Española, “a autora recrea motivos xa presentes na súa obra literaria coñecida até o de agora -véxase o vagoroso desaparecimento da cultura do rural galego ou aquilo que poderiamos denominar como o peso do telúrico (…) mais introduce outros novos referentes, mantendo sempre a rotundidade, o vigor e a emoción dos seus poemas, quer sexa a través de imaxes visionarias, quer a través de pequenos textos de filiación narrativa ou de sentenzas case inapelables e sempre sorprendentes”

2018 Besta do seu sangue, Emma Pedreira

Gañadora do premio Xerais, a novela relata unha historia inspirada na figura e no mito de Blanco Romasanta desde unha visión que propugna unha revisión de xénero. Disposta como un conxunto fluído de microunidades narrativas, na novela conviven os rexistros culto e coloquial para vencellar as voces partícipes da historia e da creación do mito nacido arredor da persoa que foi considerada a primeira asasina en serie da nosa historia. A obra supón unha proposta transgresora e fragmentaria que se caracteriza por esa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros para abordar o tema da licantropía desde unha perspectiva de xénero.

2018 Tempo fósil, Pilar Pallarés

En palabras de Emma Pedreira, “ achega con este quinto poemario unha voz nova que se suma á das perdas. Poemarios sobre casas matriciais que se pechan para sempre, locus amoenus vetados para un regreso, pedras que caeron e xa nunca volverán situarse na postura inicial que acolleu os berces. Esa pertenza á terra que nos recolleu os líquidos íntimos que se mesturan coa estirpe que agora a habita desde abaixo e a imposibilidade da volta é o eixo dos fondos versos da memoria do Tempo fósil de Pallarés, unha voz máis que referencial na nosa poesía”

2019 Feliz Idade, Olga Novo

Versos dun presente puro e esperanzado que tenden pontes interxeracionais, entre pasado e futuro. Neta, filla e nai recreando -con lume libertario- un mundo rural, telúrico e ancorado na patria

2019 Carrusel, Berta Dávila

Galardoada co XXXI Premio Manuel García Barros de novela, a novela relata desde a ollada autoficcional o percurso vital dunha escritora en crise afectada por unha doenza mental así como a relación coa súa historia familiar.

 

Comentarios pechados