Menu Xerais

«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», de Ramón Nicolás: a actualidade do poeta de Celanova. Artigo de Xoán Carlos Domínguez Alberte

Sermos Galiza publica un artigo de Xoán Carlos Domínguez Alberte «Actualidade de Celso Emilio» no que fala de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás.

 

 

(…)

Para lle pór o ramo ao ano, hai uns meses, saíu do prelo o monumental traballo Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, da autoría de Ramón Nicolás. Esta obra, que forma parte xa dos grandes títulos do ensaísmo literario galego, que constitúe un impecábel exercicio de escritura caracterizado por unha inequívoca vontade de estilo, que está labrada no propio idiolecto do autor, posúe, a maior abondamento, outros valores merecentes de mención.

Mercé á numerosa documentación édita e inédita que contén —fondos de arquivos particulares, da propia familia, textos de prensa, entrevistas…—, este libro agranda espectacularmente o coñecemento da peripecia humana e intelectual do escritor. Dun home de verbo que canto máis se compromete coas clases populares, coa xustiza, coa liberdade, coa cultura e coa lingua propias máis acada unha ampla proxección universal.

Na actualización do seu pensamento, a teor do exposto no referido volume, podemos deternos un intre en dous períodos clave da convulsa historia da pasada centuria que a el lle tocou protagonizar.

A construción do nacionalismo galego moderno, na secunda metade do século —tomando como alicerce o pensamento de Castelao—, e a súa participación na fundación da UPG, que, sen lugar a dúbidas, cómpre reivindicar. Período sobre o cal, por certo, resulta imprescindíbel consultar o valioso traballo de Luís González Blasco “Foz”, A política e a organización exterior da UPG (1964-1986) (2012).

Ou a ollada visionaria e lúcida dun mozo que, en plena II República, lle propón á mocidade tomar partido e combater o totalitarismo fascista que ameazaba con ennegrecer o horizonte de democracia e progreso imperantes naquel entón.

Velaí a radiante actualidade destas súas palabras, verquidas no texto titulado “Pantasma”, publicadas, a comezos de 1934, no ourensán Heraldo de Galicia:

“Nós os mozos temos que declararlle a guerra en todos os terreos: que non se pode  ser transixente con quen predica a intransixenza, nin liberal con quen odia a liberdade, nin benévolo con quen practica a violenza; en fin, non se pode ser demócrata con quen prostituie a democracia”.  (…)

 Xoán Carlos Domínguez Alberte

Deixa un comentario!