Menu Xerais

Opinión dunha estudante sobre «Zapatillas rotas», de Xabier Quiroga. Vídeo do autor lendo fragmentos da novela

O blog Trafegando ronseis publica unha recensión dunha estudante de 2º de Bacharelato do IES Laxeiro, Alba Tomé, sobre Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga. Así mesmo, reproducimos tamén un vídeo do mesmo blog pertencen á serie «O autor acompaña ao lector».

 

Zapatillas rotas

Hoxe dou voz a unha alumna de 2º de Bacharelato do IES Laxeiro, dándolle as grazas asemade por traballar para a presentación do libro de Xabier Quiroga publicado pola editorial Xerais Zapatillas rotas. Estas son as palabras de Alba Tomé:
Xaquín é un ancián que está a pasar os seus últimos anos nunha residencia. Un bo día,desaparece da man dun parado e xuntos emprenden unha viaxe cara ao mar.  A súa procura, rapidamente, comeza a desencadear unha serie de inesperados sucesos e enredos. Paralelamente, o señor Xaquín recuperará na súa viaxe unha historia que parecía agochada no máis fondo dos seus mellores recordos. Por suposto, e coma non podía ser doutro xeito, trátase dunha historia de amor. Todo isto, conduciranos a un sorprendente desenlace onde se porán de manifesto a avaricia, a manipulación e as mentiras. Así, a novela remata, tal e como describe o autor, nun deses momentos nos que a vida, coma nunha película, debería, e non dá, empezar de novo ou non ser verdade.
Zapatillas rotas é a quinta novela de Xabier Quiroga. Coma en moitas das anteriores, abórdase un tema moi destacado: a Guerra Civil. Desta volta tratarase este tema da man do señor Xaquín, que nos trasladará á época franquista a través dos seus recordos. Unido a isto, tamén se pode ver como influíu a represión na actualidade e, especialmente, na xente daquela época. Finalmente, Zapatillas rotas comparte co resto da súa obra a ambientación na paisaxe galega, compartindo incluso lugares comúns coma a braña de Bouzuás.
Por outra banda, esta novela ten unha forte carga de denuncia: primeiramente, aos medios de comunicación. Ao tratarse dun secuestro, estes xogan un papel fundamental ao longo de toda a trama. Na obra, os xornais e a televisión manipulan a información, terxiversan a realidade ou cometen constantes erros no relato dos sucesos. Todo isto non está lonxe da realidade: no día a día todos podemos observar como a mesma noticia pode adoptar distintos titulares segundo os xornais, como se selecciona a información e, por suposto, como se manipula para favorecer ou prexudicar aos involucrados. En segundo lugar, tamén se fai unha crítica moi forte á actual situación do noso país: a crise. Un dos protagonistas principais é un parado e nel maniféstase o peor do ser humano en tempos de crise: a falla de escrúpulos, a xenreira e a avaricia. Pode que pareza unha esaxeración, pero se o pensamos en frío, convivimos con isto todos os días: a mala situación económica que estamos a atravesar deriva en crimes, roubos e continua falla de caridade… Algo que se reflicte páxina a páxina nesta obra. Finalmente, Zapatillas rotas tamén mostra a actual situación de diglosia na que nos atopamos: Vanesa, a rapaza máis nova, exprésase en castelán, tal e como foi educada. Isto non é máis ca unha proba de como a xente nova, cada día, se expresa menos na nosa lingua, deixándoa nun segundo plano. Nese sentido é moi importante a creación de obras literarias, coma esta. Nós, os adolescentes, somos os que debemos loitar pola conservación da nosa lingua e, por iso, é moi importante que teñamos contacto con obras coma Zapatillas rotas, que fan un importante labor de recuperación do noso idioma e fomentan o seu emprego.
Sorrisos, enfados, gargalladas, amor, bágoas, intriga, decepción… Zapatillas rotas comprende, na súa totalidade, unha gran mestura de sentimentos. Persoalmente, eu sentinme moi vinculada coa historia: o feito de que o espazo e o tempo sexa o noso presente, e a variedade de idades entre os personaxes fai que conectes moi rápido ca trama.  Ademais, esta sucede coma a vida mesma: en medio dun misterioso crime atopámonos con pequenas doses de humor, de sarcasmo, de emocións, de suspense… convertendo así a obra nunha historia moito máis humana e próxima.
Por todo isto, gustaríame pedirvos que empregarades un anaco do voso tempo en ler a historia enfrascada entre as páxinas de Zapatillas rotas.

O autor acompaña ao lector: Xabier Quiroga

Os proxectos avanzan paseniño, pero seguen. E o que semellaba un soño vaise materializando. Desta volta, e xa no IES Laxeiro, quen nos acompaña coa súa voz e a súa escrita é o compañeiro Xabier Quiroga. O motivo é a presentación no día de hoxe do seu último libro Zapatillas rotas.

Deixa un comentario!