Menu Xerais

Opinións dos estudantes do IES Laxeiro de Lalín sobre «Madonna e outros contos de inverno», de Manuel Rivas

Gracia Santorum publicou en As estelas dos ronseis as opinións dos seus alumnos e alumnas sobre Madonna e outros contos de inverno, de Manuel Rivas.

 

 

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Adrián Mato

Este libro gustoume a pesar de que emprega un vocabulario moi complexo, polo cal tiven que reler algunhas das historias. Parecéronme contos moi distintos, algúns tristeiros, outros un pouco máis divertidos, mais tiñan en común un ambiente lúgubre ben dado por estar en Nadal, ou pola situación na que se desenvolvía o conto, ademais, todas as historias están relacionadas dun xeito ou outro coa emigración.
O namorado de María:
Foi a historia que máis me enganchou ao comezo, pero, na que peor entendín o desenlace, non foi ata lelo tres veces cando me dei conta do que en realidade ocorrera.
        Okay:
A pesar de estaren os sucesos un pouco enleados neste conto, foi un dos que mellor entendín e sen dúbida é a historia máis cómica do libro, en parte pola repetición da palabra okay e, en parte, porque o protagonista excúlpase de todos os feitos e admite a culpa pero bótalla ao outro .
         Madonna:
Foi o conto que máis me gustou, pola verdade das palabras da rapaza.  Encantoume a historia de Dosinda e Mora. Ademais aprendín con este conto, porque, non sabía que se tiña que separar o becerro da nai nada máis nacer xa se non esta non dá leite.
         O amor das sombras:
Creo que esta é a historia da bondade e o amor de Nadal. O amor por parte do vello e Lorena, un amor que non puido ser por culpa da emigración e a bondade por parte da muller que o secou a el e o seu can  dándolle despois unha chaqueta.
       O carteiro de Papá Noel:
Esta foi a historia que menos me gustou, paréceme un conto aburrido no cal entendín todo pero non me gustou. Aínda que si que me agradou a coincidencia entre o que lle dixo a rapaza e o que estaba escrito na carta que lle entregaron.
       O partido de Reis:
A verdade é que este conto chegoume ao corazón, foi das historias máis tristes ao comezo e máis alegres ao final. Paréceme triste, que moitas persoas non se dean conta das facultades coas que contan moitas persoas que teñen o chamado síndrome de Down. E porén el tiña plena confianza neles, ata o punto de que non cruzou a raia, ata que lle dixeron que a pasara.
       A barra de pan:
Esta historia foi un claro reflexo da pobreza que se vivía na época do protagonista, unha pobreza que vivían unha familia numerosa e na que todos tiñan que aportar o que podían. Mais hai pequenas formas de amor como a da nai que non lle dixo nada ao fillo cando comeu o único alimento que lle quedaba.
         A chegada de Ingrid:
Foi a historia na que máis se notou o factor da emigración e como por mor desta se rompen familias e amizades, ademais é triste que unha rapaza só poida ver o seu pai unha vez o ano.

1 comentario

 

 

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Raquel García

Madonna e outros contos foi un libro que non me gustou moito. Segundo ía lendo os contos e non me gustaban pensaba que inda podería atopar algún interesante dos que me quedaban pero cheguei ao final do libro e ningún dos contos me gustou moito. Só un, chamado “A barra de pan” me pareceu interesante e mesmo me conmoveu xa que na vida hai xente que pasa por momentos difíciles e eses márcante sobre todo se é na infancia.

Creo que aos contos en xeral lles falta algo, un feito relevante para que pasar a páxina non sexa só para querer chegar ao remate do libro e non querer saber máis del. Entre si os contos non teñen moita relación un trata de amor, outro do paso do tempo, da droga… o único que comparten e que todos se desenvolven en época de inverno.

O que menos me gustou foi que os finais non son nada claros e nalgúns a historia queda pendurada sen saber como terminou, que pasou… e o máis interesante dun conto é o final.

Dicir tamén que o vocabulario ás veces non é moi sinxelo porque lía páxinas que non sabía o que me estaban contando.

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Miguel González Taboada

O primeiro que pensei ao ler este libro foi que ían a ser contos frios e invernais, pero estaba moi equivocado. O libro encantoume porque trata sobre distintas historias tanto de misterio e drama como de amizade.
Outra das cousas que me sorprendeu deste libro foi a gran cantidade de sitios dos que fala dos cales uns poucos creo que os coñezo ou polo menos teñen un nome calcadiño nun contexto similar.
Encantáronme todas as historias pero hai unha que trata sobre a amizade con persoas un tanto especiais e deporte que me chamou a atención tanto no ben escrito e redactado que estaba como en como se ía desenvolvendo a historia dando un xiro dende un final pouco atraente ata outro que te ten atrapado na historia sen querer parar de ler.
Pero o que máis me sorprendeu do libro foi o pouco que tardei en lelo, porque coa cantidade de boas historias que ten é relativamente curto, apenas tardei hora e cuarto.
En resumo, é un libro máis que recomendado e que a miña forma de ver vaille gustar á gran maioría de lectores.

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de María Rodríguez González

O libro consta de oito relatos que tratan diferentes  temas pero todos se desenvolven no Nadal. Non me chamou moito a atención, xa que prefiro que trate unha soa historia, non varias.
O conto que máis me gustou foi “O partido de Reis” que trata sobre un rapaz chamado Félix que  ten síndrome de Down e que lle encanta xogar ó fútbol pero os seus compañeiros metíanse con el e nunca o deixaban xogar.  Cando tiñan algún partido fóra da escola, Félix sempre se presentaba pero nunca era convocado. O día de Reis tiñan un partido moi importante e faltáballes un xogador; pronto apareceu Félix moi entusiasmado disposto a xogar.  Aínda que foi un partido bastante complexo, Félix marcou o gol da vitoria e todos quedaron aparvados.  Encántame a actitude que teñen estas persoas, sempre contentas e loitando por conseguir un obxectivo. Este relato ensínanos a valorar ás persoas que teñen unha discapacidade.
O conto que menos me gustou foi “A chegada de Ingrid”. Non o entendín moi ben e pareceume un pouco aburrido.

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Francisco Rodríguez

“Madonna e outros contos de inverno” foi un libro que non me deixou ese bo sabor de boca que esperaba del. Debo admitir que Manuel Rivas era un autor do que xa tiña ganas de probar unha das súas obras e con este libro non acabou de encher as miñas expectativas. Este libro deixoume un sabor agridoce, con contos con moi diversos temas pero conectados con un fío conductor como é o Nadal e a época invernal con algúns moi moi doces como o de “Okay”, o de “O carteiro de Papá Noel” ou o de “O partido de Reis” e con contos bastante agres como o de “O amor das sombras”, o de “O namorado de María” ou o de “Madonna”.

Dentro destes contos moi doces hai un que, baixo o meu punto de vista, está por enriba dos outros dous, este é o de “O partido de Reis” xa que creo que foi o único que me conseguiu transmitir unha mensaxe completa, á vez ser entretido e bastante emotivo. Este conto pareceme o claro exemplo de superación xa que un neno con síndrome de DOWN é capaz de cumplir un dos seus soños e pareceríame o perfecto para contarllo a persoas que están a pasar un momento complicado nas súas vidas, para transmitirlles a mensaxe de que nunca se rindan.
Os outros dous contos doces clasifiqueinos desta maneira máis por ser entretidos que por transmitirme unha mensaxe, xa que poucos contos acadaron este cometido. En “Okay” e no conto “O carteiro de Papá Noel” acabei contento da súa lectura xa que entretivéronme moito e non me importaría ter que ler unha segunda parte destes contos xa que me quedei con ganas de máis.
Desgraciadamente, este ámbito de relatos agres é maior ca o de doces polo que fixo que este libro parecese interminable. Nembargantes, houbo un conto que o clasificaría como o menos agre que é o de “O namorado de María” porque eu entendín unha mensaxe pero non estou nada seguro que fora o que o autor quería transmitir, xa que non tiña unha interpretación moi sinxela. Pero entre “Madonna” e “O amor das sombras” fixeron desanimarme bastante, o feito de ser un seguido doutro tamén creo que axudou a provocar este sentimento e tamén de facer deste libro algo inacabable.
Tamén houbo contos como o de “A barra de pan” ou o de “A chegada de Ingrid” non é que me disgustaron pero non chegaron ao sentimento de gustar. Principalmente o primeiro si que se acercou máis a gustarme pero faltoulle algo.
En definitiva, un libro do que faría unha seleccion de contos para volvelo a ler, pois desta vez parecume demasiado pesado para ser unha lectura agradable como eu creo que debe ser.

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de

“Madonna e outros contos de inverno” componse de oito historias que transcorren no inverno, concretamente no Nadal,  e narradas dunha forma poética, cunha gran cantidade de metáforas. Abondan os temas do amor, a emigración, e a tristura.
A primeira conto, “O namorado de María”, narra como o seu protagonista, Martín, marcha a América a traballar e cando volve, volve ver a Chefa, a muller da que sempre estivo namorado aínda que ela casara. Martín vai participar nunca representación teatral, dirixida por Chefa, pero por uns acontecementos, non puido rematar.
No segundo, “Okay”, un mariñeiro do barco Begonia conta o que viviu el antes do afundimento do barco. O protagonista móstrase indignado ante o patrón, que non o deixaba en paz, e por como se lle bota a culpa ao feito de prender lume a uns papeis, aos que lles dera forma de Belén, e que isto fora o comezo do afundimento.
O terceiro, “Madonna”, trata dun rapaz que vive no campo, nunha aldea. Este conta a forma de ver as vacas das persoas e como ve os números negativos nos demais, é dicir, compara os números negativos coas débedas ou a falta de animais para ter un bo negocio.
“O amor das sombras” conta a historia dun home que volve á súa aldea, e encóntrase coa muller que ama. El vai co seu can e unha guitarra ata a casa de Lorena, onde unha veciña déixaos pasar polo mal tempo. Por unhas circunstancias, vaise a luz en toda a cidade e o protagonista consegue volver ver a súa amada.
“O carteiro de Papá Noel” trata dun home que intenta escapar do capo chamado Cempés, traballando coma carteiro de Papá Noel. Pero mentres está a traballar, entréganlle unha carta do capo no que lle pide o que debe. O protagonista escapa pero non se saberá ata o final se o consegue ou non.
No “Partido de Reis” cóntase a historia dun partido de fútbol que, o equipo do narrador, conseguiu gañar grazas a un rapaz do que ninguén esperaba nada pola súa enfermidade.
“A chegada de Ingrid” trata da volta a casa dun pai, dende o punto de vista da súa filla, e Ingrid é a boneca que lle regala e a que lle dá nome ao conto.
Pareceume un libro entretido pero complicado de ler pola cantidade de metáforas e comparacións que fai o autor.

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Noelia García

Este libro pareceume moi peculiar xa que narra diferentes contos, pero en todos é inverno e Nadal. Lendo este libro faite pensar como cada familia, en cada lugar do mundo, pasa o Nadal dunha forma diferente, algúns dunha forma máis divertida e outros non tanto.
A historia que máis me gustou e me chegou máis adentro foi “Noite de Reis”, como un rapaz con síndrome de Down loita día a día e fai o que máis lle gusta, que é xogar ao futbol aínda que os demais non sean capaces de valoralo. Nunca o deixaron xogar pero o día de Reis marcou o seu gran gol, polo que conseguiu a victoria, para el sería o regalo máis grande de Reis.
Outra das historia que mais me gustou foi “Madonna”, esta historia dálle nome ao libro e reflicte o importantes que son as nais para nós ata no mundo animal. O cariño que os animais collen cando de verdade lle das cariño e amor como facía aquela cega.
O relato que menos me gustou foi “Okay”, non me gustou porque facía unhas preguntas moi estrañas que non tiñan ningunha relación unhas con outras nin tiñan sentido, de feito eu ese relato non o entendín moi ben.
Ao principio do libro os dous contos non me gustaron moito pero a medida que o ía lendo funme interesando máis e non me decepcionou, aínda que algunhas tiñan uns finais tristes.

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Alberto Blanco

É un libro un tanto difícil de ler, debido a que nel mestura oito contos con diferentes historias e emprega vocabulario pouco habitual.
 Cando o observei por primeira vez o que máis me estrañou foi o número de páxinas que contén, outras das cousas estrañas das que pensei decatarme foi que as historias eran un pouco infantís pero ao mesmo tempo complexas. Logo comprobei que de infantís non teñen nada.
O que me intrigou deste libro é que cada relato trata de temas diferentes, grazas a iso puiden retomar a lectura con máis facilidade. O conto que máis me gustou foi “ A chegada de Ingrid“, xa que trata una situación de adulterio, a muller de Manolo mantivo unha relación con Ramón mentres que o seu home emigrara a Alemaña.
En conclusión, este libro pareceume complexo a hora de entendelo, aínda así os seus contos son curtos e divertidos.

Deixa un comentario!