Menu Xerais

Optimismo desde a escuridade: «Interferencias», de Manuel Seixas, para compartir e conmover

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación da novela Interferencias, de Manuel Seixa

 

 

«Interferencias», o regreso de Manuel Seixas

Presentamos onte na libraría Couceiro de Compostela Interferencias, a novela coa que regresa Manuel Seixas. Un acto emocionante co que Seixas iniciaba a serie de presentacións desta importante novela sobre as dores da alma e sobre o optimismo na escuridade, que continuará no serán de hoxe no auditorio da illa de Arousa, a vindeira semana na libraría Cartabón de Vigo dentro do ciclo «Venres nas librarías» e xa máis tarde en Vilagarcía de Arousa.

María Pérez Vázquez na súa intervención deu tres razóns para aconsellar a lectura de Interferencias. A primeira por estar estar moi ben escrita, «tanto polo xeito de puntuar os textos como pola escolla léxica que converte á lectora en cómplice do autor; tanto polo seu uso da linguaxe, como pola súa naturalidade para mudar de rexistros, sendo capaz unhas veces de que as palabras cuspan e outras que te acariñen, conformando un oasis de poesia». «Seixas é capaz de ofrecer textos con vida propia, que non forman parte da trama, mais sempre con pretensión literaria». A segunda razón polos personaxes, María e Xosé, «deseñados coa intención de transmitir dor, mais que tamén posúen unhas personalidades cheas de interese e matices». E a terceira por que esta novela «é capaz de inserirnos no universo de Manuel Seixas, o da música, representada por María, e o do ensino, por Xosé». «A novela ábrenos a porta da súa aula, da súa paixón por ensinar con honestidade. Mais tamén as súas cancións e intérpretes preferidos que conforman a banda sonora de Interferencias

Manuel Seixas agradeceu na súa intervención a todas as persoas que o acompañaron e axudaron a saír do inferno do sufrimento psicolóxico dos últimos anos. Agradeceu as catro lectoras que o animaron a presentar o orixinal á editorial dunha obra que «é un testemuño psicolóxico e psiquiátrico, mais que tamén pretende ser unha peza artística, expresión de sentimentos para compartir e conmover». Referiuse despois a importancia para el da música, «sen ela non concibo a vida», e do ensino como sentido crítico, «a gran oportunidade para salvar esta noxenta sociedade».

Seixas cualificou Interferencias de triste, «ainda que posúa esa grande esperanza que ten ela». Considerou que os personaxes de María e Xosé forman unha sagrada familia e que o título ten que ver coas causalidades e casualidades que marcan as vidas». «Citando a Lou Reed, Interferencias é tan verdade na arte como na vida de seres que camiñan entre a perda e a maxia; temos que ser conscientes de que a vida ten tanta maxia como perdas. Interferencias é unha tentativa de seguir camiñando.» Rematou Seixas achegando tamén tres razóns para ler Interferencias: «É unha novela que demostra que é posible escribir na noite psicolóxica. É unha historia laica de María e Xosé, dous personaxes que poderiamos ser calquera de nós. E, ademais, é unha novela curta. Agardo que poida ser un libro que mude a vida dos lectores como a min me sucedeu co de Albert Camus O estranxeiro

 Manuel Bragado

Deixa un comentario!