Menu Xerais

Os 60 anos de Suso de Toro

Tanto o blog Horchata en vena como Brétemas recollen a nova do 60 aniversario do escritor Suso de Toro, nacido en xaneiro de 1956, a quen, desde Xerais, lle damos os nosos parabéns.

No blog Horchata en vena, de , compártense algunhas revelacións biográficas do escritor: «’O meu folklore familiar era froito do desarraigo. Tiña vocación de éxito’. Fillo de emigrantes. O pai veu dunha aldea de Zamora. Un home de dereitas que traballara para o exército. ‘A linguaxe  na casa era cuartelaría. Eramos todos homes’. A nai criou seis fillos. Era moi protectora; «preocupada porque non lle saira un fillo mariquita». Os irmáns son médicos. ‘Cultivan a brutalidade’».

Algúns destes aspectos biográficos están na última novela publicada por Suso de Toro, Sete palabras, na que o lector ou lectora acompaña ao protagonista nunha estraña viaxe cara á orixe para desvelar as claves da identidade persoal.

O blog continúa dando claves biográficas: «’Fun sindicalista, estiven en piquetes, toda a miña vida foi épica’. Por escribir en galego exixíanlle compromiso. ‘Eu non soporto o rollo pijo del telón de grelos e o de levar boina’.

Aínda que nunca a estudiou, sempre lle prestou a música. A hortera. Creedence Clearwater Revival por exemplo. Tivo un grupo de música nos oitenta. Suso y los Multiusos.

‘O meu avó cando ía pola aldea collía todo do chan. Quizais aquel aramio logo lle serviría para arranxar algo. Así somos os escritores. Non debemos tirar nada’.  Pero ‘chega o momento en que te falta o rigor e a enerxía física para facer obras que fixeches hai quince o vinte anos’.

‘Xa non mexo coma antes; antes o facía contra a parede e salpicábame. Agora vou a saltar dun penedo e miro ben o que hai abaixo. Pero estou máis reconciliado coa miña vida’.

 

 

Os 60 de Suso de Toro

O noso benquerido Suso de Toro celebrou onte o seu sesenta aniversario. Unha ledicia para as moitas persoas que o queremos e admiramos. Tras o regreso á docencia e o abandono da profesión de escritor en lingua galega, que durante dúas décadas exerceu con admirable dedicación, Suso deixou un baleiro na narrativa galega contemporánea da que é trabe de ouro. A súa pentaloxía alboral formada por Polaroid (1986), Land Rover (1989), Ambulancia (1990) Tic-Tac (1993) e A sombra cazadora (1994) revolucionou os camiños diversos da narrativa galega e abriu novos públicos para ela. Unha proeza que non foi aínda recoñecida como merece. Sen esquecer os seus libros de ensaio, dende F.M. (1991), Ten que doer (2004) a Inmateriais (2013), compuxeron un discurso crítico sobre o estado das artes e a construción da nación dende a palabra. Inquedo, comprometido, xeneroso até o delirio, disposto sempre a dar a cara, a botar unha man no labor colectivo, Suso continúa compartindo opinións nos medios dixitais galegos, españois e cataláns. Todos os nosos abrazos e beizóns para o noso Suso.

Manuel Bragado

 

Comentarios pechados