Menu Xerais

«Os Celtas» de Francisco Calo, presentación en Compostela

O venres, 7 de maio, a partir das 20:00 horas será presentado na Feira do Libro de Compostela o ensaio de Francisco Calo Lourido Os Celtas. Unha (re)visión dende Galicia. No acto acompañarán ao autor Xerardo Pereira-Menaut, Catedrático de Historia Antigua da USC e o editor Manuel Bragado.

Fuxindo dos tópicos e das repeticións miméticas do que se escribiu sobre o celtismo europeo, Francisco Calo realiza neste ensaio unha profunda revisión sobre esta cuestión no país noso. Galicia ten unha personalidade propia e diferenciada desde a Prehistoria, polo que o estudo do seu devir histórico precisa dun tratamento específico. Partindo da premisa de que o celta é, primo et per se, unha cuestión de lingua, faise un percorrido polo campo do indoeuropeo, polo Hallstatt e La Tène, tratados como culturas arqueolóxicas, así como polas actuais teorías científicas peninsulares, para rematar entrando en Galicia. Repásase, aquí, a historiografía de precursores e románticos sobre celtas e analízanse as fontes clásicas que fan referencia á Terra. Dedícase un denso capítulo á fulcral cuestión lingüística e outro á sociedade e a relixión no resto de España e en Galicia, sempre procurando as posibles semellanzas e diferenzas. Faise tamén unha incursión na materia de Bretaña, polo achegamento céltico medieval que puido significar e compárase a arte peninsular dos pobos ibéricos, da Meseta e galaicos, para rematar cun achegamento aos aspectos etnográficos que, de xeito superficial e mistificador, figuran nas publicacións sobre celtas. Ilustra o libro un completo aparato gráfico, elaborado ad hoc polo autor, así como unha bibliografía ampla, actualizada e en versión orixinal dos diferentes países europeos nos que se investiga a presenza ou ausencia de celtas.

Comentarios pechados