Menu Xerais

«Os fillos do mar»: A narrativa trepidante de Pedro Feijoo. Crítica de Armando Requeixo

O crítico Armando Requeixo publicou nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión crítica sobre Os fillos do mar de Pedro Feijoo.

 

 A narrativa trepidante de Pedro Feijoo

Coa novela Os fillos do mar o vigués Pedro Feijoo, filólogo de formación e produtor, compositor e músico por profesión, debuta no eido da ficción en galego. É certo que con anterioridade publicara xa algún ensaio de tema literario (caso de Cousas do «Galicia», por Castelao, 1997) ou musical (Viva o Fu remol!, 2005), mesmo algún un conto solto (así “O segredo do viaduto”, no colectivo XII Certame Literario de relatos curtos O Viaduto, 2012), pero nunca un volume de narrativa, polo que esta novela, coa que ficou finalista do Premio Xerais do pasado ano, constitúe a súa estrea como narrador de amplo alento.

Tal como Os fillos do mar foi concibida polo seu autor ofrece unha dupla lectura segundo o tipo de lector que a ela se achegue: se quen se interna nas súas páxinas é un lector por lecer, ávido de aventuras, intrigas, acción e enigmas e misterios por desvelar, se o que procura ese lector común é resolver un crebacabezas de pistas, asasinatos sorprendentes e legados históricos que traspasan os séculos, se, amais, goza do policial, dunha atmosfera de investigación paradetectivesca cun roteiro perfectamente localizado de lugares e rueiros tan próximos que incluso poden ser os que frecuente cada día, daquela esta historia ha ser, por forza, un máis que feliz descubrimento, inmellorable compaña para pasar case medio milleiro de páxinas entretido en desenlear un nobelo de trepidantes acontecementos que se suceden coa vertixe dun carrusel.

Agora ben, se quen se achega a Os fillos do mar o fai cos ollos dun lector máis informado, comparativamente esixente, daquela ha percibir de modo nidio o coctelizado de licores literarios previos (e non só) dos que se serviu, máis o menos imitativamente, Feijoo. Desa amálgama onde teñen cabida igual o narcotráfico que os claroscuros do Réxime, o mesmo a procura de ouro para as súas campañas militares por parte dos nazis que os tesouros afundidos en Rande xorde unha trama na que o maior obstáculo de lectura vén dado pola súa falta de verosimilitude.

En efecto, este decorado aventureiro que Feijoo argalla faise dificilmente crible tanto polas voces narrativas escollidas (os personaxes que transmiten a historia exprésanse como Feijoo, non de acordo coa súa condición) e o maniqueo da caracterización dos individuos (a parella protagonista é dunha intelixencia e sutileza a carón dunha bondade natural só á altura dun híbrido entre Poirot ou Holmes e Sócrates e Ghandi) coma polas solucións diexéticas adoptadas (fabular no Vigo do XXI sobre tramas nazis enleadas co tesouro de Rande e a inmigración ilegal a través dunha filantrópica sociedade secreta ten un moito de imaxinativo).

Por tanto, cando un se enfronta a esta Os fillos do mar o primeiro que ten que facer é un pacto de lectura, dicirse a si mesmo: voume crer todo isto, vou pensar que é posible tanta coincidencia e que tan diversas realidades históricas e tan diferentes subtramas poidan darse no Vigo que coñezo. Só así poderá gozar convenientemente dunha novela que, amais, ten outros importantes problemas estruturais e compositivos, como algúns saltos de rácord nas datas (pp. 16 / 73 ou 112 / 119), excursos históricos excesivos que se fan enfastiosos e revelan o empeño por convencernos do saber documental de quen escribiu estas páxinas, pero que non xustifican a pertinencia narratolóxica de tan profusas explicacións (pp. 82 e ss., 97 e ss., 181 e ss.) ou inxenuidades nas reaccións dos personaxes ou nas súas sapiencias que se fan dificilmente dixeribles.

Este lector informado ao que me refiro, sen dúbida detectará doadamente ata que punto Feijoo reelabora clásicos da literatura e do cinema de sobra coñecidos. Por iso non poderá evitar lembrar A lista de Schindler ou Indiana Jones de Spilberg en diversas pasaxes, nin lle pasarán desapercibidos os paralelismos con O conde de Montecristo de Dumas, o virxiliano descenso aos infernos de Eneas, o Fausto de Goethe e inclusive certas persecucións de planadoras pola ría de Vigo que máis recordan as de Corrupción en Miami que a realidade bateeira cotiá das nosas augas.

E, secasí, Os fillos do mar resulta un retallado que funciona, que se deixa ler con sumo agrado, que entretén e mantén o suspense, demostrando oficio e saber na composición da trama, hábil manexo dos (anti)clímax narrativos e unha capacidade sorprendente para a prosa cinematográfica e os diálogos de filme.

Máis que recomendable lectura de verán este Os fillos do mar, novela primeira dun Pedro Feijoo que se destapa aquí como un narrador con saber e maneiras e que, de seguro, seguirá a medrar en futuras entregas que, agardamos, resulten tan estimulantes como esta súa primeira achega.

Armando Requeixo

Deixa un comentario!