Menu Xerais

«Os fillos do mar», de Pedro Feijoo: Misterio e intriga no Vigo de hoxe. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre Os fillos do mar de Pedro Feijoo.

 

Misterio e intriga no Vigo de hoxe

A NOVELA DE PEDRO FEIJOO ATRAPA CUNHA TRAMA INTEGRADORA QUE BRILLA POLA SÚA FLUIDEZ NARRATIVA E CALIDADE LITERARIA

Saudei, hai xa algúns meses neste mesmo espazo, esta primeira entrega de Pedro Feijoo (Vigo, 1975) e non quixera deixar de recomendar, outra vez, a súa lectura. Non fun a única persoa que subliñou os seus inequívocos acertos e, de feito, a súa reedición significa que, felizmente, n´Os fillos do marconverxeron crítica e lectores.

       É esta unha novela para gorentar en calquera época do ano, abofé, mais talvez resulte especialmente acaída para estas datas nas que se procura, sempre que sexa posible, unha fuxida cara a territorios imaxinativos que saiban termar,  con garantías, da esperanza que calquera abriga para  converterse en suxeito activo dun conxunto de historias ás que axiña se lles outorga a precisa complicidade; sen esquecer por iso unha cumprida fluidez narrativa e a esixible calidade literaria.

        Para quen xa a leu só que me queda desexar que a siga recomendando como sei que así vén sendo; para quen non o fixo aínda apunto que Feijoo integra, con habilidade, elementos que pertencen á novela histórica, á de intriga e mesmo á de aventuras, cun pano de fondo extraordinario, por acaído e retratado con acerto, como é a cidade de Vigo. Con estes vimbios, cunha arquitectura interior solvente e sólida e mais cunha tonalidade irónica nalgunhas páxinas, irán desvelándose unha sorte de enigmas, algúns deles de carácter identitario, adoptando un ritmo de filiación cinematográfica no que atinxe á dosificación do suspense. Todo por xunto posibilita que o rodopío  narrativo medre imparable e que un se vexa atrapado nel, sen remedio.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!