Menu Xerais

«Os fillos do mar», de Pedro Feijoo: novela negra, de aventuras, unha boa dose de intriga. Crítica de Juan Romero

Juan Romero publica no seu blog Lerever unha recensión crítica sobre Os fillos do mar, de Pedro Feijoo.

 

 

“Os fillos do mar”, Pedro Feijoo

No instituto no que traballo temos dous clubs de lectura, un para o alumnado e outros para profesorado, persoal non docente, pais e nais. Curiosamente ambos levados pola mesma persoa, Ramón Nicolás, autor do libro do comentario anterior. Unha das súas ideas é escoller sempre novelas de autores ou autoras que poidan asistir a unha pequena sesión de charla cos seus lectores, o que é un estímulo máis para ler o libro. Sempre é interesante charlar, preguntar, analizar e ver que ideas tiña cando o escribiu e contrastalas coas dos demais. Ven isto porque a novela que vos deixo hoxe lina a raíz do citado club e o vindeiro luns día 22 deste mes teremos a visita do autor. É Pedro Feijoo e a súa novela “Os fillos do mar”, editada en galego por Xerais cunha primeira edición en marzo do 2012 e unha segunda en xuño do mesmo ano, así que podemos dicir que está a ter un certo éxito.

Pedro Feijoo naceu en Vigo en 1975. Estudou filoloxía pero se dedicou á música, cunha traxectoria como produtor, compositor e membro dalgúns destacados proxectos musicais galegos, en grupos como “Los Feliz” ou “Lamatumbá”. Tras case doce anos no mundo da música decidiuse a abrirse camiño como escritor. En 1997 publica o seu primeiro libro, “Cousas do “Galicia”, por Castelao”, un ensaio analizando as relacións entre este autor e o periódico vigués que dirixía Valentín Paz Andrade. No ano 2005 publicou “Viva o Fu Remol”, unha crónica na que analiza os moitos problemas do panorama musical galego. En 2011 aparece o relato “O segredo do viaduto”, dentro dun volume dedicado ao xénero curto do “XII Certame Literario de relatos curtos Os Viadutos”. A de hoxe, “Os fillos do mar” e a súa primeira novela longa e foi finalista do importante premio de novela convocado pola Editorial Xerais.
O protagonista é Simón Varela, vigués, estudou a carreira de Arquitectura en Barcelona, uns estudos que lle levaron dez anos nada máis e nada menos. Leva unha vida algo gris e a a súa mediocridade como arquitecto é patente. Os poucos encargos que lle caen son de pouca ou ningunha importancia, pequenos arranxos cos que vai tentando sobrevivir. Un día recibe a chamada de Isabel Llobet, unha das mulleres máis adiñeiradas e coñecidas da cidade de Vigo, onde transcorre a historia e que xunto cos seus arredores convértese nun personaxe máis. Ela quere que lle faga unha pequena reforma nunha fonte que ten no seu pazo de Canido. Simón sorpréndese moito ante este encargo, de tan pequena envergadura como todos os que recebe, mais neste caso a diferencia radica en quen llo fai, alguén moi coñecido e con moito diñeiro. Como é posible que o chamara? Evidentemente non está para rexeitar traballos, así que colle o seu vello e destartalado coche e alá vai. Ao primeiro que coñece é a Ernest Rovira, secretario e avogado da familia. Aos poucos días de comezar o traballo, e tras desmontar as pedras da fonte, atopa unha gruta subterránea, de onde nace o manancial, e nela un misterioso cofre. Case ao mesmo tempo a señora Llobet aparece morta na súa habitación. Simón pensa que alá foi a súa posibilidade de traballar e gañar algún diñeiro, pero non será así. Asiste ao funeral de Isabel Llobet, a medio camiño entre o respecto e unha certa amistade, e tras el o secretario comunícalle que terá que asistir á lectura do testamento, xa que parece estar incluído nel. Oirá falar do defunto marido da señora Llobet, Eneas Dafonte e coñecerá aos fillos da parella. Xulio Dafonte, un presunto mafioso, contrabandista e metido en negocios escuros. Ela é Mariña Dafonte, unha muller que lle chamará a atención desde o primeiro momento, cando a ve no funeral. A partir da lectura das últimas vontades Simón verase metido case sen querelo nunha historia chea de misterios, perigos, enganos e riscos na que parece estar implicada toda a familia. Quizais o que menos entenda é que pinta el en toda esa historia.
A historia ten elementos de novela negra, de aventuras, unha boa dose de intriga para o lector e incluso algúns momentos de calma nos que se van forxando relacións de amistade, amor… Incluso podemos dicir que ten algunhas pingas de novela histórica en varios sentidos, con momentos que parten da coñecida batalla de Rande en 1702 ata a Guerra Civil española, a Segunda Guerra Mundial e os nazis alemáns. Parécevos unha estraña mistura? Pois eu penso que o autor manexa todos estes distintos datos e momentos cunha mestría destacable para ser a súa primeira novela longa, xa que en ningún momento a conexión entre estas pasaxes da historia aparece ante o lector como algo forzado, ridículo ou pouco crible. A historia non cae en ningún momento no estrambótico, para o lector todo transcorre dun xeito natural, como algo que podería pasar pero sempre con ese aire de ficción que toda novela de aventuras debe ter. Desde o momento da apertura do testamento a acción non decae, sempre está a mover aos personaxes dun lado a outro, xa sexa fisicamente ou rompéndolles a cabeza con enigmas ou situacións que non saberán interpretar nun primeiro momento.
Ademais a trama e o desenvolvemento están salpicados cun ton entre humorístico e sarcástico, na súa maior parte protagonizado por Simón, un home normal con un bo aire crítico e cáustico en moitos momentos, sobre todo naqueles nos que se ve metido en situacións impensables para el. O estilo é sinxelo e ao mesmo tempo ben traballado, con moitos matices e momentos para todo. As descricións son breves e concisas, suficientes para facerse unha idea das cousas, e máis para os que coñecemos a cidade na que transcorre a historia. A verdade é que nese sentido vai facelo tan ben que creo que os lectores que non a coñezan terán ganas de facelo. Vigo e os seus arredores, claro, que tamén teñen unha boa participación na trama e que non vou mencionar porque quizais iso sería destripar un pouco a historia, e o mellor é viaxar con Simón por todos eses lugares mentres avanzamos na solución dos varios misterios que atoparemos.
Pareceume unha novela moi entretida, amena e con momentos divertidos, teño esbozado máis dun sorriso mentres pasaba as páxinas. Unha historia nada pretenciosa e coa intención fundamental, creo eu, de entreter ao lector cunha intriga ben montada, uns personaxes interesantes e con personalidades ben definidas. Unha boa historia, uns bos personaxes e cun desenvolvemento interesante, non creo que se poida pedir máis. As miñas lecturas teñen moitos obxectivos e un dos fundamentais é o entretemento, pois esta conségueo con creces. Creo que son necesarias novelas deste tipo en galego para animar aos lectores a facelo nesta lingua. Ademais é unha historia axeitada para calquera idade e creo que incluso podería ser do agrado dos alumnos de calquera instituto de Galicia, eses aos que queremos animar á lectura dándolles novelas que lles poidan gustar e atrapar a todo tipo de lectores. Recoméndoa non so nese ambiente, senón para calquera que queira pasar un bo rato lendo unha novela de aventuras nun sentido bastante clásico do xénero. Creo que incluso unha boa historia con aires cinematográficos, tería escenas realmente espectaculares, cando a leades saberedes por que o digo.

Deixa un comentario!