Menu Xerais

Os libros do 2015 escollidos por César Lorenzo

César Lorenzo Gil publicou en Biosbardia unha listaxe na que fala dos que son, ao seu ver, os mellores libros de 2015. Reproducimos os de Xerais:

 

Biblioteca escollida do 2015

Esta listaxe de libros recomendados do ano que vén de rematar completa estoutra que publicamos no verán. A velocidade do sistema de novidades, incluso nun mercado con fama de escaso coma o galego, fai que moitas obras interesantes corran o risco de quedaren esquecidas. Por iso, de cara aos doce meses do ano 2016, doce máis un títulos para abrigar unha biblioteca ben xeitosa.

10. Hai que matalos a todos, de Héctor Carré. Unha das novelas de xénero máis divertida e mellor armadas do ano. A través dunha historia que combina a intriga da espionaxe, a crítica aos medios de comunicación e axita a pantasma da falta de liberdades e o concepto de democracia vixilada do noso tempo, o escritor e cineasta ofrece o que promete e deixa no aire algunhas preguntas que seguen a roldar a mente do lector tempo despois de rematada a novela. Moitos escenarios e acción crible para entreterse con fundamento. Edita Xerais.

6. oso, mamá, si?, de María Lado. A poeta de Cee é unha das máis potentes voces da literatura contemporánea. Demostra o seu grande músculo lírico neste libro, que percorre as sensacións da descuberta. A chegada ao mundo, o ritual da pertenza, da comuñón a través do amor e da necesidade mutua. Lado prescinde do artificio poético e opta por unha linguaxe aínda máis cotiá da que habitualmente usa na súa lírica para falarnos practicamente con saliva apegada ao oído. A rutina do día a día, o tic-tac da casa, o inevitable, o de hoxe mesmo aparecen nesta obra cunha maxestade única. Edita Xerais.

4. A noite enriba, de Diego Ameixeiras. A décima novela do ourensán é un punto e á parte na súa traxectoria. Sen abandonar de todo a súa propia “tradición” narrativa baseada no cruzamento de historias, a atención á realidade do presente e á dosificación informativa, neste caso Ameixeiras pescuda nos límites da ficción, en como a propia vida acaba por converterse en literatura e na función do novelista hoxe de mediador entre un mundo inaprensible que precisa da imaxinación se non para se ordenar si para deixarnos un tubo de escape. Edita Xerais.

2. O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Rivas é un escritor con tantos recursos narrativos que brilla incluso a velocidade de cruceiro. Cando consegue subir un chanzo máis na súa arte, o resultado é de grande altura, como é o caso desta novela que enlaza simbolicamente con Os libros arden mal e que esculca na historia recente de Galicia (tamén de España) a través do poder emancipador dos libros. A libraría como símbolo da rebeldía fronte á opresión e a ignorancia, a imaxinación como pasaporte para un mundo máis xusto. O autor volve amosar a súa riqueza expresiva, o seu amplo cadal de datos e historias. E por riba de todo, aparece o bo de Dombodán. Edita Xerais.

Comentarios pechados