Menu Xerais

Os mil e un contos da Galicia encantada. Reportaxe de Xesús Fraga sobre a proposta de Antonio Reigosa

Xesús Fraga publicou en La Voz de Galicia unha información sobre Galicia Encantada, o país das mil e unha fantasías, en edición de Antonio Reigosa, ilustrado por Noemí López.

 

 

Os mil e un contos da Galicia encantada

Reigosa e Ripalda publican novos libros sobre o rico patrimonio lendario galego

Cando de cativo Antonio Reigosa escoitaba tronar, o seu avó explicáballe que era o ruído que facían os mouros xogando aos bolos no veciño castro mindoniense de Zoñán, no que tampouco faltaban unha laxe de ouro nin un pasadizo secreto ata unha fonte. Aquela semente infantil prendeu e dela agromou unha paixón pola tradición oral á que este investigador e divulgador dedicou varios libros de ensaio e creación, ao que vén de sumar un volume que recolle parte dos documentos recompilados na web que creou hai dez anos con vocación de actuar como punto de encontro e de partida para unha enciclopedia da fantasía popular galega. Galicia encantada. O país das mil e unha fantasías (Xerais) celebra o décimo aniversario da web homónima e, a través das súas categorías, propón unha mostra da amplísima variedade coa que se manifesta o imaxinario marabilloso entre os galegos. O alén e a morte, sereas e lobisomes, covas, fontes, castros e cidades asolagadas, medicina tradicional e remedios ou heroes e santos desfilan por uns textos elaborados polo propio Reigosa pero tamén por moitos dos que enviaron a Galicia encantada as súas contribucións.

Achegas, as destes últimos anos, que testemuñan tamén un tempo. «Un dos obxectivos fundamentais da web é salvagardar este patrimonio. Está claro que o que se recolleu nestes dez anos non é o mesmo que o que se recollerá nos vindeiros», afirma Reigosa. A perda de poboación, o éxodo rural e a creba na transmisión xeracional son riscos que ameazan unha riqueza inmaterial cuxas orixes en moitas ocasións vén de moi lonxe. A lenda coñecida como as empanadillas do moribundo, por exemplo, que no libro se sitúa no Courel, foi recollida xa no século XIX por un antropólogo de Finlandia. Neste sentido, as coñecidas como lendas urbanas son outra formulación máis desa necesidade antiga de fabular, que goza de boa saúde, como proban a media ducia anotadas no libro e Reigosa comproba a diario: hai pouco, tomando un café, o camareiro contoulle a historia do creador dos sobres de azucre, que á súa vez a escoitou dun viaxante comercial…

Dos muiñeiros aos fareiros, pasando polo lobo, «o sabio do monte»

Lendas, contos e historias ao pé do lume (Ir Indo) é o libro máis recente de Xosé Lois Ripalda e que recolle un monllo de narracións enraizadas na tradición oral. Algunhas escoitounas o autor de cativo, na lareira, ou ao longo da súa dilatada traxectoria como mestre; outras naceron dunha frase ou dunha anécdota que puxeron en marcha a imaxinación de Ripalda. É o caso de O touro que acadou a liberdade, unha historia certa á que o escritor, ao non coñecer o final, lle puxo o que a el lle gustaría. O libro ábrese cun capítulo dedicado aos faros e fareiros (Os vagalumes do mar) e inclúe apartados dedicados ao lobo (O sabio do monte) e aos muiñeiros. Ripalda concibe este traballo como unha homenaxe aos devanceiros que pasaron a tradición oral, pero tamén como unha mensaxe de futuro. «A cerna do idioma son as aldeas e están desaparecendo. É moi importante que este patrimonio se manteña, por escrito, pero tamén que se siga a transmitir como fixo dende hai séculos», di.

Xesús Fraga

Deixa un comentario!