Menu Xerais

Os premios Xerais 2010 en directo por Blogaliza.tv, o sábado a partir das 19:00 horas

O sábado, 12 de xuño, a partir das 19:00 horas, Blogaliza.tv transmitirá en directo a cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010 que dende hai seis anos se celebran na illa de San Simón. No acto, que durará arredor dunha hora, intervirá a escritora Fina Casalderrey como mantedora literaria e os «Alegres da Buraca» no apartado musical. Esta entrega coincide, ademais, coa celebración do 25 aniversario dos Premios Merlín de Literatura Infantil que serán os grandes protagonistas da velada, que será presentada por Celia Torres, directora de promoción de Xerais.

Tras ser anunciados a pasada semana os finalistas dos premios de ambos os dous certames, coñeceránse as obras e autores ou autoras gañadores. Así O xurado da XXV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que participan trinta e dúas obras, formado por An Alfaya (Premio Merlín, 1997), Jacobo Fernández Serrano (Premio Merlín, 2009), Antonio García Teijeiro (Premio Merlín, 1996), Mar Guerra (Premio Merlín, 2008), Gloria Sánchez (Premio Merlín, 1990),  e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, declarou como finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Canis lupus», «Celerífera», «Cincocentros trinta e tres» e «Sete pétalos». Mentres que o o xurado da XXVII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que participaron trinta e oito obras,  formado por  Comba Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da Universidade de Vigo e blogueiro), Roberto Pérez Pardo (profesional do libro), Belén Regueira (xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, declarou como finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Fría e negra», «Hovercraft» e «O avesso do avesso».

Blogaliza.tv repite a experiencia desta retransmisión, facilitada nesta edición pola mellora das condicións técnicas das instalacións do Auditorio da illa de San Simón. Para a retransmisión, como informa Pedro Silva, responsable de Blogaliza, «utilizaránse estándares abertos e software libre, a cadea de distribución de audiovisual baseada en Theora, dende a cámara ata o navegador. As melloras dos sistemas de reprodución de video en tempo real fan máis facil o emprego da etiqueta <video> como receptor universal de imaxes en streaming. E a calidade tamén vai mellorando.»

A retransmisión pode seguirse dende a páxina de blogaliza.tv.

Comentarios pechados