Menu Xerais

Os sonetos de Shakespeare falan en galego

O Xornal de Galicia publicou onte unha información sobre a tradución dos Sonetos de Shakesperare, feita por Ramón Gutiérrez Izquierdo.

Os sonetos de Shakespeare falan en galego

O profesor Ramón Gutiérrez Izquierdo traduce os versos do escritor para Xerais

O profesor Ramón Gutiérrez Izquierdo (Ourense, 1956) vén de publicar en Xerais a súa tradución dos Sonetos de Shakespeare. Estes versos, considerados como unha das grandes pezas da poesía lírica universal, aparece agora en galego despois de que Gutiérrez rematase un traballo de máis dunha década.

As circunstancias que rodearon a publicación dos Sonetos de Shakespeare (cara a 1609 e a ambigüidade no relativo á identidade e ao sexo dos destinatarios teñen servido de escusa a múltiples conxecturas que, se ben non contribúen á comprensión dos sonetos, proban non obstante o continuo interese que esperta esta obra. Catrocentos anos despois de ver a luz, a modernidade destes textos segue resultando sorprendente, e o enfoque singular do bardo de Stratford fai que fique neles para sempre un halo de misterio.

Nos sonetos asístese a unha sorte de representación dramática onde unha voz meditativa vai debullando, en loita contra o tempo, os vaivéns do afecto e da paixón, da amizade e do amor, do anhelo e do desengano. Nesa percepción múltiple do teatro dos sentimentos danse cita os motivos máis diversos, desde a visión da natureza até a denuncia social ou a procura dunha trascendencia alén da morte. Ramón Gutiérrez Izquierdo presenta esta versión exemplar dos Shakespeare´s Sonnets acompañada de comentarios e notas sobre todos e cada un destes poemas, máscaras diversas do home das mil caras que foi William Shakespeare.

Comentarios pechados