Menu Xerais

Os sonetos do misterio

Os sonetos de Shakespeare son un dos cumes da poesía lírica de todos os tempos. Formados por un conxunto de 154 poemas baixo a forma estrófica do soneto inglés, foron escritos ao longo de varios anos e publicados por vez primeira no 1609.

As circunstancias que rodearon a súa publicación e a ambigüidade no relativo á identidade e ao sexo dos destinatarios teñen servido de escusa a múltiples conxecturas que, se ben non contribúen á comprensión dos sonetos, proban non obstante o continuo interese que desperta esta obra. Catrocentos anos despois de ver a luz, a modernidade destes textos segue resultando sorprendente, e o enfoque singular do bardo de Stratford fai que fique neles para sempre un halo de misterio.

Nos sonetos asistimos a unha sorte de representación dramática onde unha voz meditativa vai debullando, en loita contra o tempo, os vaivéns do afecto e da paixón, da amizade e do amor, do anhelo e do desengano.

Nesa percepción múltiple do teatro dos sentimentos danse cita os motivos máis diversos, desde a visión da natureza até a denuncia social ou a procura dunha trascendencia alén da morte. Atopamos, aparte duna quebra de varias normas poéticas, unha parodia da tradición de sonetos amorosos petrarquistas que dominaron parte da poesía europea durante tres séculos. O que Shakespeare fai é converter á “madonna angelicata” nun mozo ou á fermosa dama nunha dama escura.

Ramón Gutiérrez Izquierdo presenta esta versión exemplar dos Shakespeare´s Sonnets acompañada de comentarios e notas sobre todos e cada un dos 154 poemas que forman o libro, que son máscaras diversas do home das mil caras que foi William Shakespeare. A.M. (Xornal de Galicia)

Comentarios pechados