Menu Xerais

Os tempos da longa noite de pedra contados por Xosé Fernández Ferreiro. Crítica de Alfredo Iglesias sobre «De Xente Nova a Brais Pinto»

Alfredo Iglesias Diéguez publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre o libro de memorias de Xosé Fernández Ferreiro, titulado  De Xente Nova a Brais Pinto, e subtitulado Memorias dun afiador rebelde.

 

Un afiador rebelde

Acaído retrato xeracional

Nos tempos escuros da longa noite de pedra unha pequena presada de homes fixo posible a apertura dun espazo no que, comomsinalou Méndez Ferrín, tiveron cabida diversas “intelixencias e sensibilidades que aspiraban a unha renovación total de Galicia, política, literaria e artística”.

Sobre ese espazo vangardista, do que tanto se ten escrito e que, por dereito propio, está presente en todos os manuais de literatura galega e nas nosas enciclopedias, vén de escribir unha necesaria obra memorialística Xosé Fernández Ferreiro, un dos seus promotores.

Precisamente por causa do abundante coñecemento que temos do grupo Brais Pinto semellaba que xa non había máis que dicir; porén,o autor é quen de relatar nun feixe de páxinas –escritas a partir dunha conferencia pronunciada nun acto de homenaxe que lle tributou o Pen Club en 2009–, numerosas circunstancias de interese: a razón do nome do Grupo; as actividades realizadas polos sete fundadores –Xosé Luís Méndez Ferrín, Reimundo Patiño, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo, Bautista Álvarez, César Arias e o propio autor, Xosé Fernández Ferreiro–: os lugares de xuntanza, os debates, as conversas… e, tamén, por que non nun relato memorialístico, a troula; a incorporación de Herminio Barreiro e Alexandre Cribeiro ás actividades do Grupo; as relacións con outros confrades, como Xavier Costa Clavell ou ‘Foz’; a relación con xentes como Ben–Cho–Sey, Novoneyra ou Piñeiro; as circunstancias que rodearon á publicación de cada un dos libros que editou o Grupo…

Neste sentido, o libro que nos presenta Xosé Fernández Ferreiro, De Xente Nova a Brais Pinto: memorias dun afiador rebelde constitúe un interesante exercicio de memoria que realiza un acaído retrato sociolóxico dun grupo xeracional que loitou por facer agromar, dende o fondo da infamia franquista, a vangarda cultural e política do noso país.

Un relato no que o autor incorpora, ademais, outros episodios da súa traxectoria vital tamén de grande interese histórico, como a andaina do grupo ourensán Xente Nova, a segunda etapa do grupo Brais Pinto da man de César Arias e Reimundo Patiño e numerosas lembranzas que profundan na, ás veces, descoñecida intrahistoria dunha historia coñecida.

Alfredo Iglesias Diéguez

 

Deixa un comentario!