Menu Xerais

Os verdugos do 36 en Pontevedra. Reportaxe de Iago Martínez sobre «A memoria e o esquecemento», de Gonzalo Amoedo

Iago Martínez que publicou no suplemento Contexto do Xornal de Galicia unha longa reportaxe sobre sobre A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra, de Gonzalo Amoedo López: Reproducímola a continuación:

Os verdugos do 36 en Pontevedra

Gonzalo Amoedo verte n’A memoria e o esquecemento tres anos de investigación sobre a represión dos golpistas e as estruturas do poder franquista na provincia de Pontevedra. As vítimas tiñan nome e apelidos. Os verdugos, tamén.

O golpe de estado de 1936 acabou con moitas vidas en Galicia. Unhas oito mil, segundo o historiador Dionisio Pereira. En proxectos como Nomes e Voces, un equipo de especialistas dirixido polo catedrático Lourenzo Fernández Prieto, traballan na súa identificación. Para saber como e onde foron asasinados, de que os acusaban, que foi dos seus corpos ou cal dos eufemismos escolleu para eles o aparato de represión dos golpistas. Con que mentira certificaron a súa morte. As vítimas, todas, tiñan nome e apelidos, pero os verdugos tamén. A eles dedicoulle Gonzalo Amoedo (Redondela, 1959) tres anos de traballo e case 600 páxinas. A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra (Xerais, 2010) recompila os nomes deses cómplices da barbarie, estrados até agora en multitude de publicacións especializadas, e difunde por primeira vez a identidade de seis mil falanxistas. Non o fai, precisa o autor, coma se fose un inventario da ignominia –“Nin todo era branco nin todo era negro”–, senón como unha ferramenta para a memoria. A pescuda conduciuno a outra constatación: nada cambiou no 36. Nin no 39. Nin sequera no 75. Como n’O Gatopardo.

“Hai castas que se moven de maneira transversal pola historia”, explica Amoedo. “Mandaban antes do golpe e seguiron mandando despois”. Iso é o que acertaba a ver Giuseppe Tomasi di Lampedusa na súa novela. O aristócrata Don Fabrizio Corbera, príncipe de Salina, sabía que o desembarco de Garibaldi en Sicilia en 1860 marcaba o principio do fin da súa época, pero consolábao ver o seu sobriño Tancredi Falconeri entre as tropas do inimigo. Garantía a continuidade do seu sangue no bando dos vencedores, nas novas estruturas de poder. Que todo mude para que todo siga como está. “A familia Calvo Sotelo leva 200 anos no poder”, explica o autor do libro, volvendo ao século XX. “Ten pólas no PSOE e no que foi a UCD, pero tamén tiña unha importantísima no entramado inmediatamente anterior ao 36 e mesmo algún deputado por Ribadeo a principios da Restauración borbónica. Ás veces despístannos os apelidos porque os maternos van desaparecendo, pero seguen aí. Por iso a Transición tamén foi un engano. Fíxoselle crer á esquerda que podía mudar as cousas cando realmente non mudou nada. De aí que se fabricase unha esquerda, a do PSOE, que non tiña nada que ver coa que loitara contra Franco”.

Un dos textos máis citados no libro de Amoedo é El poder de la banca en España (1970), de Juan Muñoz. A Guerra Civil, argumenta, non foi unha contenda ideolóxica senón económica, “coma todas”, protagonizada polo capital, o Exército e a Igrexa. Nin sequera pola Falanxe Española, “un instrumento usado polos militares para os seus propios plans que nunca contou demasiado, nin na elaboración do golpe de estado nin na forma de levalo a cabo”. En todo caso, matiza, a organización que fundaran José Antonio Primero de Rivera, Ruíz de Alda e Alfonso García Valdecasas en outubro de 1933 “proporcionou o substrato ideolóxico” do que carecían os sublevados no intre de atentar contra a II República. Antes da guerra, de feito, a súa popularidade en Galicia era practicamente nula. Non máis de 160 militantes, segundo o redondelán, “e a maioría mozos ou estudantes”.

“Nun informe do ano 37 ou 38, unha vez que o golpe triunfara, un señor que fora presidente da Deputación de Pontevedra recoñecía que tiveran verdadeiros problemas para compoñer as xestoras municipais”, explica Amoedo. “Non tiñan xente, e ao final non lles quedou máis remedio que usar os antigos dirixentes da Restauración, que estiveran na Unión Patriótica de Miguel Primo de Rivera. Os que mandaran toda a vida”. A memoria e o esquecemento inclúe un cadro con todos eses gobernos municipais na provincia, indicando quen estaba e de onde procedía. Só houbo quince alcaldes que pertencesen á Falanxe Española antes da obrigatoria unificación de abril de 1933, os chamados “camisas vellas”. En Forcarei e Moraña, por exemplo, repetían os republicanos. En Baiona, Cambados, Marín e Pontevedra, os que xa estiveran á cabeza na ditadura de Primo de Rivera. En Rodeiro, O Grove, Moraña ou Mos, entre outros casos, recuperaban o poder aqueles que o tiveran entre outubro de 1934 e febreiro de 1936, todos membros da CEDA ou do Partido Radical. Tamén houbo algúns que pertenceran ao Partido Galeguista, e non só o coñecido Xosé Filgueira Valverde, rexedor de Pontevedra, senón tamén José Barreiro Álvarez (Baiona), anteriormente alcalde monárquico, ou Perfecto García Lemos (Bueu).

O PAPEL DOS GALEGUISTAS

A historia do galeguismo está atravesada pola represión. No capítulo dedicado á intelectualidade que colaborou cos golpistas, Amoedo recorda os asasinatos de Ánxel Casal, Roberto Blanco Torres e Camilo Díaz Baliño, ademais das dificultades polas que pasaron no exilio personaxes como Luis Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Castelao ou Isaac Díaz Pardo. Non todos os casos, porén, foron coma estes. “O Partido Galeguista era unha formación demasiado nova, e había moita xente que intuía que ía ter un certo protagonismo no futuro. Apuntáronse como se podían ter apuntado a calquera outra cousa”, explica o autor. “Había moita xente moi dereitas dentro do partido, de misa diaria, e algúns procedentes desas familias das que falaba antes. Na primeira xestora da Deputación de Pontevedra había membros de Dereita Galeguista, a escisión do partido, e podo dicir que en Redondela os galeguistas que se integraron na Falanxe foron bastante crueis”.

A memoria e o esquecemento recorda as complicidades que tiveron co novo réxime intelectuais galeguistas –ou que escribían en galego– como Álvaro Cunqueiro, Antonio Noriega Varela, Celestino Luis Crespo Crespo, Aquilino Iglesia Alvariño –antigo membro das Mocedades Galeguistas, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1986–, Álvaro das Casas ou o vigués Jaime Solá, director de Vida Gallega e membro da Real Academia Galega.

A PLANIFICACIÓN DO TERROR

Gonzalo Amoedo desmente co seu traballo un dos mitos máis recorrentes sobre o que aconteceu en 1936: non houbo, agás contadísimas excepcións, axustes de contas. “As mortes tiñan que ver cunha selección previa, non se mataba a calquera”, arrisca. “Escolleron sobre todo a aqueles que se significaran na folga da sardiña, en defensa dos traballadores, e dous sectores en concreto: os mestres que abrían os ollos da xente e os funcionarios que non se implicaron con eles, tanto militares como gardas civís e membros da administración local”. Mataban, segue o redondelán, en lugares afastados das vilas que fosen visíbeis para todo o mundo, como os accesos das vilas. “Lembremos que na cúpula militar mandaban os militares da Guerra de África, xente que queimara aldeas enteiras en Marrocos. Aquí non se trataba de gañar unha guerra senón de estabelecer un medo perpetuo para que ninguén ousase nunca dicir nada”.

Todas as execucións pasaban polo exército, aínda que fosen outros os executores. A Garda Cívica, encargada de manter a orde na retagarda mentres os militares se ocupaban da fronte, non actuaba soa. “Na provincia de Pontevedra era un comandante quen mandaba o corpo, aínda que houbese tamén civís como Víctor Lis Quibén na xerarquía. Non existiu represión que non estive estudada e coordinada co Exército. Ás veces podíaselle ir a man a algún onde non debía, pero sempre había alguén que poñía no seu sitio a quen non fixese o debido”.

Tampouco a Igrexa se salva da ollada de Gonzalo Amoedo, que xuntou aos testemuños orais e a bibliografía publicada nas últimas décadas un importante traballo de pescuda no Arquivo Histórico Provincial e nos fondos da Xefatura Provincial do Movemento que o profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández depositou na Real Academia Galega, da que foi presidente. “Houbo curas que axudaron os fuxidos, pero en xeral o papel da Igrexa como institución foi tremendo. Destacan personaxes como o padre Nieto ou o famoso Reisiño de Vigo, que organizou arredor da revista Martin Códax un auténtico viveiro de fascistas. Unha das crueldades máis grandes, ademais de que che matasen a alguén, era que non cho deixaban enterrar no cemiterio ou obrigaban a xente a cavar foxas á porta do recinto para que todo o mundo as pisase ao entrar. Ese tipo de prácticas e de curas di bastante do espírito que aniñaba no seo da Igrexa”.

A Amoedo, autor tamén de traballos como Memorias de Manolo Barros. Autobiografía dun militante comunista (2006) e Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra (2007), quédalle material abondo para ampliar unha hipotética segunda edición do libro co que pasou entre os anos corenta e os setenta, onde a represión continuou. Datos que axudarían a entender a penúltima conclusión do seu traballo: “A Transición foi unha gran mentira. Nin foi modélica nin foi santa nin a Constitución se fixo por todos e para todos. Foi unha componenda feita por uns poucos. Ninguén someteu o nomeamento do rei a un referendo. E aí está o PSOE, que naceu de novo coa conivencia dos servizos secretos do franquismo”. Don Fabrizio Corbera e Tancredi Falconeri, outra vez. Que todo cambie para que todo siga como está.

Víctor Lis Quibén: o paradigma do represor

Quen foron os elementos máis duros da represión na provincia? A pregunta non parecía tan doada, pero Gonzalo Amoedo ten moi clara a resposta: “Víctor Lis Quibén, sen dúbida. É o paradigma do represor. Non hai vila en Galicia onde non teñan algo que contar sobre el”. Nado en Bos Aires en 1893, fillo único de Fulgencio Lis e Perfecta Quibén Bermúdez, o médico Víctor Lis fixo máis carreira como asasino que como salvador de vidas humanas, e logo de trazar un curioso arco político dende a fe monárquica ao fascismo, cada vez máis radical, acabou morrendo só en 1963, “no máis absoluto esquecemento, abandonado polos seus, sen ningún peso político no réxime. Non o podían ver diante nin os seus antigos correlixionarios. Había demasiado medo”.

Xa en 1923 se anunciaba como médico cirurxián con despacho no número 68 da rúa da Oliva, en Pontevedra, e seis anos máis tarde aparecía como socio da Policlínica de Urxencias da rúa Benito Corbal canda Amancio Caamaño Cimadevila –fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936–, Francisco Pereira e Tomás Abeigón Pazos. En 1931 presentouse ás eleccións municipais pola candidatura monárquica, acompañado por Plácido García, Peregrino Fariña, Ramón Segura, Celso López –tamén médico, sería despois membro da FET das JONS–, Francisco Rodríguez e o seu compañeiro de despacho Tomás Abeigón.

En decembro do mesmo ano aparecerá como un dos impulsores da tradicionalista URD, da que chegará a ser secretario local, e da Acción Nacional de Vigo, ambas formacións finalmente integradas na CEDA. En novembro de 1933 obterá acta de deputado por Pontevedra, pero un ano máis tarde pasará a Renovación Española, o partido de José Calvo Sotelo, co que renovaría a praza en febreiro de 1936. Para entón, segundo Gonzalo Amoedo, levaba unha dobre militancia, xa que mantiña estreitos contactos coa Falanxe Española a través do seu secretario, Pío Domínguez Vigo.

“Víctor Lis Quibén pasou á historia por ser un dos principais responsábeis da creación dos escuadróns da morte, tamén denominados brigadas do amencer, que tanto dano fixeron nos días aciagos de 1936 e 1937 en toda a provincia de Pontevedra”, explicita Amoedo no seu libro, “e así, a súa figura de miserable carnicero será nomeada por calquera aldea da provincia sempre que alguén relate unha historia tráxica”. Primeiro na Garda Cívica, da que era o xefe práctico, e logo na fronte, unha vez disolta, Víctor Lis entregou a súa vida ao exterminio, pero tamén á etnografía. O médico “traballou na recollida de datos sobre a menciña popular, o cantareiro, as crenzas e costumes, así como na recompilación da verba dos canteiros e noutros traballos de divulgación histórica, participando en coloquios galego-portugueses”, conta A memoria e o esquecemento dun personaxe que mantiña correspondencia con Ramón Cabanillas. No Museo de Pontevedra consérvanse autógrafos, impresos e fotocopias dos seus traballos de antropoloxía cultural galega, que ocupan un total de catro caixas. Un traballo seu sería prologado por Fermín Bouza Brey e a Fundación Penzol dispón na súa colección doutro sobre a ermida da Peneda e as súas tradicións centenarias.

Amoedo alcuma a historia de Víctor Lis Quibén, un home de clase media, non asociado as grandes familias que detentaban –e detentan– o poder político, económico e social na provincia, “parábola do asasino de bo berce”. Poucos personaxes pasaron desa maneira á memoria local, argumenta o redondelán, agás contadísimas excepcións como as de Bruno Schweiger Damboeck e a familia Ferrín en Redondela. En oposición a estes perfiles sitúanse os daqueles “chibos expiatorios” que, sendo alleos ás clases que imaxinaran deseñaran e mandaran o golpe de estado e a represión posterior, se viron dun ou doutro xeito implicados na barbarie. Cita, por exemplo, o caso de Fernando Lago Búa, inspector provincial de Prisións, a quen se responsabilizou das extorsións e paseos que sufriron os presos de San Simón.

O doutor Víctor Lis Quibén converteuse nun cidadán corrente ao rematar a guerra. “Nin sequera recibiu un cargo de edil en pagamento polos seus moitos servizos, como recibiron outros, ou de simple directivo do colexio profesional médico ao que pertencía, ateigado daquela de vellos e novos falanxistas”, explica Amoedo ao final do capítulo que lle dedica no libro, “que ben podería dar lugar a unha biografía, se alguén ten interese”. “A súa estrela, que tanto brillara durante os anos da República e durante a guerra, foise apagando até a súa morte, desprezado incluso por moitos dos que foran os seus compañeiros de tropelías”.

Comentarios pechados