Menu Xerais

«Outubro de libros: Ceiba de luz». Artigo en Praza Pública sobre o libro de Manuel Lourenzo González

O xornal Praza Pública publicou unha recensión crítica da escritora Berta Dávila sobre o libro: Ceiba de luz, de Manuel Lourenzo González. O libro gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2017 e está publicado por Xerais na colección infantil e xuvenil Fóra de Xogo.

«Outubro de libros: Ceiba de luz»

A última novela de Manuel Lourenzo González (Vilaboa, 1955), Ceiba de luz,  (Xerais), foi galardoada co Premio Jules Verne de literatura xuvenil do 2017. Desenvolve con solvencia a historia dun grupo hispanoperuano composto por 18 expedicionarios comandados pola arqueóloga Sandra Olivares que se adentran na selva amazónica coa expectativa de achar o mítico Eldorado, tal e como parece anunciar unha pequena escultura amerindia achada nun anticuario de Salamanca. Partindo deste motivo literario de grande arraigo na cultura hispánica e universal (mais de pouca presenza na nosa tradición), técese dentro do marco clásico de novela de aventuras. A narración vai, deste xeito, enriquecéndose con diferentes subtramas que fan desta unha lectura atractiva para unha ampla diversidade de público, incluído o público adulto.

Moitas son as razóns que contribúen a pensar que o libro é unha aposta segura. A primeira delas é a mestría no oficio de narrar do autor, que é quen de xestionar a expectativa na busca do Eldorado en equilibro permanente coa aparición dos sucesivos misterios que traen consigo cada un dos dezaoito personaxes que compoñen a expedición e que van poñer en tensión o precario vencello que os aglutina como conxunto. Estes conflitos van xurdindo a medida que a expedición se adentra na espesura e se arreda do mundo civilizado, nun paralelismo xa explotado neste tipo de novelas pero, de novo, eficaz e ben traballado, entre o camiño emocional e o físico do grupo de personaxes, de forma que, como se di nun momento da novela, “os peores inimigos do grupo non tiñan por que estar acazapados na selva, senón que podían estar neles mesmos”.

A inexplicable xenreira que sinte o personaxe de Fani, unha enfermeira galega, pola cultura e o pobo hispanoamericanos, a prematura morte dun dos expedicionarios, o comportamento críptico do botánico Arístides e a estraña relación que establece coa etnógrafa Yolanda son algúns dos factores que poñen continuamente en risco a necesaria estabilidade do grupo nun territorio inhóspito e, polo tanto, o éxito da expedición.

Outra cuestión que incide na solvencia do libro é a forza descritiva coa que a voz narrativa consegue situar á lectora nun espazo xeográfico, cultural e natural que, malia estar afastado das coordenadas nas que adoita moverse e sentirse segura, acaba resultando familiar. A verosimilitude na construción dese espazo amazónico contribúe ao acrecentamento da importancia da selva que, co avanzar das páxinas, abandona a súa inicial función contextualizadora da aventura para converterse nun inquietante personaxe que ameaza de continuo sen acabar de manifestar os múltiples perigos, sexan estes reais ou lendarios.

Ese ambiente de continuo temor polo descoñecido que vai envolvendo a mente dos exploradores crea a atmosfera necesaria para que as lectoras asuman como crible, dentro do marco ficcional das máis de trescentas páxinas, o fantástico final que se agocha nas últimas liñas desta narración trepidante onde a meta soñada ofrece moito máis do que desexaba achar a expedición. Recomendable e deliciosa lectura.

Berta Dávila

Comentarios pechados