Menu Xerais

«Renacer», presentación na Coruña

O vindeiro venres, 31 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Sargadelos da Coruña presentarase Renacer, a novela de Xabier Paz. No acto participarán Juana Otero Gómez, Manuel Bragado e o autor.

«Home sen nome» en italiano

Acaba de aparecer a edición italiana de Home se nome de Suso de Toro. A novela, publicada baixo o título Uomo senza nome, foi traducida por Fabio Angelli (profesor de italiano da EOI de Vigo) e publicada pola editorial Gran Via.

Xerais publicará en 2009 dúas obras de George Steiner

Xerais chegou a un acordo cos axentes do filósofo G. Steiner para publicar durante o ano 2009 dentro da colección Xerais Ensaio dúas das súas obras: After Babel: Aspect of Language and Translation (1975) e George Steiner at the New Yorker (obra, aínda inédita, que aparecerá nos Estados Unidos no vindeiro mes de xaneiro).

«A guerra dos mundos», setenta aniversario do radiograma de Orson Wells

A punto de celebrarse, o vindeiro xoves 30 de outubro, o setenta aniversario do radiograma «A guerra dos mundos», a adaptación radiofónica de Orson Wells sobre a novela homónima de H.G.Wells, é unha boa oportunidade para volver sobre esta mítica novela de marcianos. Xerais incluíuna hai dez anos no seu catálogo da colección Xabarín en tradución para o galego de Gonzalo Constenla e Esther Sánchez Rodríguez.

«As mellores intencións»: unha boa novela curta

«Unha boa novela curta», «boa noveliña, non só pola preocupación que pola técnica amosa a escritora, senón tamén pola meditación sobre o galego que emprega e as opcións que elixe», son algunhas das valoracións que Manuel Rodríguez Alonso realiza no Cartafol de Vieiros sobre As mellores intencións, a novela de Begoña Paz, premio concello de Riveira.

«A Cabeza de Medusa», presentación en Compostela

Mañá mércores, 29 de outubro, ás 18:30 horas, presentarase A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, obra gañadora da IIIª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. No acto, que se realizará na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia (Frei Rosendo Salvado, 14-16) de Santiago de Compostela, participarán a autora,  Xavier Senín, Manuel Bragado e Verónica Rego.

«Le Clézio na casa», artigo de X.L. Méndez Ferrín

Hoxe, X.L. Méndez Ferrín, na súa columna de Faro de Vigo recorda como se xestou na editorial en 1987 a tradución de Raquel Villanueva e Valentín Arias e edición en Xabarín de Mondo e outras historias de J. M. Le Clézio, o premio Nobel de Literatura 2008. Naquel momento a veterana colección xuvenil era dirixida por Luís Mariño e polo propio Ferrín.

Parabéns para Agustín

Foto Lalo Villar A concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a Agustín Fernández Paz continúa provocando un auténtico regueiro de parabéns na rede.

Agustín Fernández Paz, Premio Nacional 2008

Agustín Fernández Paz foi o gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008, co seu libro O único que queda é o amor.

Agustín Fernández Paz: Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008

Agustín Fernández Paz foi galardonado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 polo seu libro O único que queda é o amor, publicado por Xerais no pasado mes de decembro.

«Polo correo do vento», nova colección infantil

Esta semana chegan ás librarías os tres primeiros títulos de «Polo correo do vento», unha nova colección de non ficción destinada a primeiros lectores. Preparada por Mau e Pin, cada libro está concibido para inicialos no coñecemento da natureza galega e doutros temas relacionados coa cultura de noso, ademais de facer moito fincapé na onomástica galega. Cada un dos libros conta con trinta dúas páxinas a toda cor.

«O libro das viaxes imaxinarias», chega ás librarías

Esta semana chega ás librarías O libro das viaxes imaxinarias, escrito por Xabier P. DoCampo e ilustrado por Xosé Cobás. A obra, froito da coedición de Anaya Infantil y Juvenil e Xerais, preséntase nun formato inusualmente esvelto (19,5 x 29), con encadernación acartonada e sobrecuberta, ademais de incluír un despregabre de oito páxinas. Na rede xa apareceron as primeiras referencias.