Menu Xerais

«Pan de ánimas», de Xoán Abeleira: un poemario votivo. Crítica de Armando Requeixo

O crítico Armando Requeixopublicou nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión crítica sobre  Pan de ánimas, de Xoán Abeleira.

 

 

Xoán Abeleira, ofrendando o verso

Non é Xoán Abeleira poeta que se prodigue en exceso. Por esta razón, que apareza no mercado editorial un novo libro seu é nova quemerece atención, pois cada un dos seus títulos é unha festa da escrita moi escolleita que talvez volva tardar en se repetir.

A celebración neste caso ten un nome que é unha declaración de intencións: Pan de ánimas, isto é, aquel que tradicionalmente se ofrecía nos petos de almas polo primeiro do magosto en memoria dos nosos defuntos.

Xa que logo, este é un poemario votivo, unha ofrenda, mais tamén un canto celebrativo e un espello verbal dun camiñar de ascensión e fusión mística, pois se algo hai que unifica os versos deste libro ―moi dispares en todos os sentidos― é a súa comuñón espiritual.

En efecto, por riba da multiplicidade temática, alén da variabilidade tipolóxica e subxenérica, máis alá da presenza de motivos e voces abondo diferentes, hai en Pan de ánimas un mesmo latexo cósmico que ten nas doutrinas budistas e na comprensión do existente a través das ensinanzas orientais (taoístas, zen, lama-tibetanas ou hinduístas, que de todo hai) a súa razón de ser.

Do feliz encontro desa espiritualidade orientalizante e da recuperación da nosa raiceira cultural clásica (grecolatina, por máis sinais) xorde todo un imaxinario que non refuga ―ao contrario, máis ben fagocita e posprocesa― grande número de lecturas coas que dialoga (re)creando un discurso metaliteraturizado.

Así, son compañeiros fieis destes versos outros de Rilke, Whitman, Pavese, Novalis, Apollinaire ou Dickinson, entre outros, subtextos que amalgaman nesta poesía por veces sideral de Abeleira, noutras metafísica e decote inzada de alusións a realidades palis, sánscritas e mesmo hebreas.

Tan complexo contido adopta modulacións versais multiformes, que logo avanzan polos eidos interiores do haiku ou o tanka como remansan na prosa lírica ou no poema de versos curtos, mais sempre compasando o sentimento coa música do verso precisa, nunha harmonía de selo pitagórico que demanda a lectura en voz alta para lograr tirar do poema a máis reveladora das melodías.

Para os que non coñezan a poética de Xoán Abeleira este Pan de ánimas será un descubrimento; aqueloutros que xa se asomaran a textos seus anteriores poderán comprobar con este novo título ata que punto toda a produción do autor forma parte dun continuum retroalimentado, o que explica que poidan lerse aquí textos reescritos ou recuperados dos poemarios precedentes Animais animais, As nosas sombras no xardín de Sarralves e mais Magnalia. Sexa como for, razóns todas que animan á lectura dunha escrita que, como o propio poeta confesa, foi concibida “prós mortos que seguen vivos e prós vivos que existen mortos”.

Armando Requeixo

Deixa un comentario!